Portugal protagoniza o mes de abril no Cineclube Pontevedra
Por Redacción
O Cineclube Pontevedra retoma a súa programación no Teatro Principal o martes 13 de abril, unha vez que finalice a Semana Galega da Filosofía, que se desenvolve neste espazo.
O mes de abril ten un significado especial na historia recente de Portugal por conmemorarse a Revolución dos Caraveis. Con este pretexto, o Cineclube achegará un programa de tres películas en portugués coas que percorrerá a cultura do país veciño, da man do realizador brasileiro Sérgio Tréfaut e da realizadora portuguesa Susana de Sousa Dias. As longametraxes abordarán temas como o cante alentexano, a memoria da represión política da ditadura salazarista e o arquivo fotográfico e fílmico que xerou a revolución do 25 de abril.
As proxeccións comezarán ás 19:30 e a billeteira do Teatro Principal abrirase unha hora antes, ás 18:30. O prezo das entradas para os non socios do Cineclube Pontevedra é de 3 euros por sesión.
MARTES 13 - ALENTEJO, ALENTEJO
Sérgio Tréfaut, 2014. Duración: 96 min. Versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán
No Alentexo, no sur de Portugal, decenas de grupos amadores reúnense regularmente para ensaiar antigos cantes polifónicos e para improvisar modas sobre o tempo presente. Nacido nas tabernas e nos campos de cultivo, o cante alentexano transmitiuse ao longo de xeracións e atravesou as fronteiras da rexión que lle deu orixe. Co paso do tempo, e tamén debido á diáspora, apareceron novos grupos na periferia de Lisboa e en diversos países da emigración, moitos deles formados por adolescentes e crianzas, proba de que o cante está vivo e de que é expresión dunha identidade propia. Alentejo, Alentejo é unha viaxe a un modo de expresión musical único, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade dende 2014.
MARTES 20 - LUZ OBSCURA
Susana de Sousa Dias, 2017. Duración: 77 min. Versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán
A existencia da fotografía dunha nai co seu bebé no arquivo da PIDE, a Polícia Internacional e de Defesa do Estado, sérvelle a Susana de Sousa Dias como punto de partida para narrar, coma xa fixera en filmes anteriores (48 ou Natureza morta), algunhas historias que están detrás dos mecanismos de represión política da ditadura portuguesa. A través da rede de memorias políticas e persoais dos fillos do militante comunista Octávio Pato (1925-1999), Luz Obscura reflexiona sobre o poder, a imaxe, o recordo e os efectos que tivo un sistema autoritario na intimidade dunha familia.
MARTES 27 - OUTRO PAÍS
Sérgio Tréfaut, 2000. Duración: 70 min. Versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán
A descoberta da democracia e o desmantelamento do último imperio colonial europeo tralo golpe militar do 25 de abril de 1974 colocaron a Portugal no primeiro plano da actualidade internacional. Durante a Revolução dos Cravos algúns dos maiores fotógrafos e documentalistas do mundo desembarcaron en Lisboa para recoller as imaxes deste acontecemento: Glauber Rocha, Robert Kramer, Thomas Harlan, Pea Holmquist, Sebastião Salgado... Que foi o que descubriron en Portugal? Cales eran os seus soños e expectativas? Que quedou do soño revolucionario? En 1999, o realizador Sérgio Tréfaut decide facer unha pesquisa sobre os milleiros de rexistros fotográficos e fílmicos espallados polo mundo e practicamente esquecidos en Portugal para compoñer en Outro país un retrato dun dos momentos máis relevantes da historia portuguesa.
Relacionadas:
-
'Cinema e Estrelas' levará a sétima arte á praza da Pedreira
Por Redacción |
-
O Cineclube pecha tempada con Ingmar Bergman e dúas películas de Éric Rohmer
Por Redacción |
-
A Filmoteca de Galicia chega a Pontevedra coa súa programación estendida
Por Redacción |
-
Un marzo de viaxe por Siberia, Lesotho ou Israel da man do Cineclube Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
As citas do Cineclube con Jean Renoir adiántanse unha hora polo toque de queda
Por Redacción |
-
Películas de Michelangelo Antonioni, Angela Schanelec e Pedro Costa para o novembro do Cineclube
Por Alejandro Espiño |