O Pleno de Poio modifica a ordenanza fiscal reguladora das plusvalías
Por Redacción
O Pleno da Corporación aprobou de xeito definitivo, en sesión extraordinaria celebrada este martes 6 de abril, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o Incremento de Terreos de Natureza Urbana, coñecido como plusvalía, grazas aos votos a favor dos grupos do Goberno local (BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio) e a abstención dos membros do Partido Popular.
Esta modificación fora aprobada inicialmente no Pleno ordinario de xaneiro e tivo que volver a ser tratada pola Corporación pola presentación dunha alegación durante o pertinente período de exposición pública. Este escrito foi desestimado, tendo en conta os informes de Tesourería e Intervención, que se amparan na Lei Reguladora de Facendas Locais.
Deste xeito, tal e como explicaron os e as representantes do equipo de Goberno, ratifícase o acordo inicial, que establece a introdución dunha disposición transitoria, a través da cal se establece un novo prazo para a solicitude das bonificacións vixentes para este imposto, e que afecta ás declaracións que se deberían ter realizado entre o 14 de marzo e o 3 de outubro de 2020.
Agora, o novo período finalizará o 9 de maio, coincidindo coa finalización do actual estado de alarma.
O Goberno local entende que esta medida é necesaria tendo en conta a situación creada pola pandemia da COVID-19.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, lembrou durante o debate plenario que, en condicións normais, "o habitual é que a liquidación deste imposto se faga ao mesmo tempo que o correspondente ao de herdanzas. Este último foi aprazado pola Xunta de Galicia no seu momento, debido tamén á situación provocada polo primeiro estado de alarma, o cal xerou certa confusión entre a cidadanía. Isto fixo que se deran casos nos que algún veciño ou veciña non presentou a liquidación da plusvalía, ao entender que tamén existía un aprazamento, perdendo así o dereito a bonificacións. Agora, aplicamos esta disposición transitoria con efecto retroactivo para solucionar este problema", engadiu.
Na mesma liña se manifestaron tanto a voceira de Avante Poio e titular de Participación Veciñal, Silvia Díaz, como o responsable de Urbanismo, Gregorio Agís (PSOE), que coincidiron ao apuntar que "é de xustiza ofrecer este período, trátase dunha medida razoable en beneficio da veciñanza". A disposición transitoria é a ferramenta "máis viable" para garantir que non se perde o dereito á bonificación, que pode chegar ao 95%.
Por último, aos integrantes do Goberno local non lles pasou desapercibida a "incoherencia" que supón o cambio de criterio do Partido Popular, que pasou de votar a favor da aprobación inicial desta modificación da ordenanza a absterse no Pleno extraordinario deste martes.
Relacionadas:
-
Poio anuncia que xa se poden solicitar as bonificacións no IBI, viñeta e plusvalías
Por Redacción |
-
Devolución das plusvalías, demanda do PP ao goberno local tras a sentenza do Tribunal Constitucional que as anula
Por Redacción |
-
Poio defende as bonificacións da nova ordenanza fiscal e acusa a oposición de "contaminar"
Por Redacción |
-
O PP mobiliza unha longa caravana de coches contra a subida de impostos en Poio
Por Redacción |