A Garda Civil e a Policía Local do Grove colaborarán na protección de vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
A Xunta Local de Seguridade do Concello de O Grove ratificou o novo protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero (Sistema Vioxén), subscrito polo alcalde de O Grove, José Cacabelos, e o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda.
O Grove é o sexto concello da provincia que procede á renovación deste documento, o primeiro trámite e fundamental, que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen permanecer dentro do Sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu a Xunta Local de Seguridade e agradeceu "o compromiso do Concello de O Grove e do seu equipo de Goberno".
O novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas.
José Cacabelos amosou a súa preocupación polos 14 casos de violencia de xénero activos na vila. "É unha cifra moi alta que non podemos permitir. Estas situacións son intolerables e temos que traballar todos e todas conxuntamente para evitalas, incidindo non só na protección, senón tamén na prevención e na educación –en igualdade e en feminismo-. Só así podemos agardar que no futuro non sexa necesario renovar este tipo de convenios xa que o dato estatístico será cero. Esta é a cifra que queremos acadar", asegurou.
Estes 14 casos activos de violencia de xénero no Grove son case o 1,22 % dos casos activos na provincia de Pontevedra e o 15,90 % dos casos activos en todo o partido xudicial, que aglutina o 6,28 % das denuncias rexistradas na provincia no 2020. O 78,6 % das vítimas da localidade ten menos de 45 anos.
Para completar a súa adhesión, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.