Das aglomeracións iniciais a unha segunda xornada tranquila de vacinación no Recinto Feiral
A vacinación masiva destes días en Pontevedra por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que comezou esta semana, presentaba na mañá deste mércores unha estampa totalmente diferente á vista este martes.
Durante a primeira xornada, na tarde do martes, desta vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra presentouse un panorama confuso xa que moitas persoas chegaban antes da hora e acumulouse moita xente á entrada provocando aglomeracións.
Segundo comentou Juan López, axente de Protección Civil que se atopaba esta mañá no Recinto Feiral de Pontevedra, "puido deberse a que as persoas teñen medo de que non cheguen as doses da vacina, cousa que é imposible xa que hai suficientes para vacinar a todos os citados".
López comentou que se solucionou este problema con celeridade xa que se montou un dispositivo conxunto entre axentes da Policia Local e de Protección Civil e as persoas colaboraron cumprindo todas as medidas establecidas. Esta máña a situación continuaba tranquila, sen acumulación de xente á entrada, seguindo as súas quendas e respetanto todas as normas que se lles trasladaban antes, durante e despois de ser vacinados.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o Sergas ten previsto vacinar a unhas 9.000 persoas, no Recinto Feiral do Pazo da Cultura e no recinto vilagarcián de Fexdega.
Co fin de facilitar o bo funcionamento do operativo de vacinación, dende a Policía Local de Pontevedra fan un chamamento a todos aqueles que estean citados no Recinto Feiral de Pontevedra, para que traten na medida do posible de axustarse á hora citada para evitar aglomeracións.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo sobre as aglomeracións que se regularon cando se limitou a entrada a aquelas persoas que tiñan hora de cita próxima. "Había xente con cita para hoxe e xa estaba onte". Quitando este atranco, o conselleiro comentou que as vacinacións masivas están a ser todo un "éxito".
No caso da vacinacións con AstraZeneca son para os nados entre 1956 e 1961, que recibiron e recibirán a vacina de xeito masivo entre este martes día 6 e durante hoxe, mércores 7, en horario de 09:00 a 14:00 horas e 16:00 a 21:00 horas. Segundo confirmaron as autoridades sanitarias foron citadas 5.350 persoas para recibir esta vacina durante estes dous días.
Á saída do Recinto Feiral atopábanse na mañá deste mércores as persoas que acaban de recibir a vacina de AstraZeneca entre as que había diferentes opinións, dende os que estaban encantados de recibir a vacina e agardaban con moitas ganas, ata os que non as teñen todas da súa parte porque están asustados.
"En principio estou moi contento aínda que viña no coche escoitando a radio e comentaban que en Castela a León acaban de cancelar a vacina con AstraZeneca" aseguraba un home vacinado durante esta máña. "Moi ben organizado, todo perfecto, con moita distancia entre as persoas, moi contenta de recibir a primeira dose e á espera da segunda" confirmaba outra das persoas vacinadas á saída do recinto con respecto á organización e á vacina recibida.
Relacionadas:
-
Peche dunha semana de vacinación masiva na que foron citadas 14.350 persoas da área sanitaria
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
A Xunta vacina a 4.015 persoas de entre 60 e 65 anos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade pacta coas comunidades vacinar con AstraZeneca só a persoas maiores de 60 anos
Por Diego Espiño |
-
Novo falecemento por covid-19 en Montecelo, unha muller de 87 anos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comeza a vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Xunta manterá "uns días máis" as actuais restricións sanitarias
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade organiza unha vacinación masiva para persoas de 75 a 79 anos e entre 60 e 65 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Todos os galegos maiores de 80 anos terán posta este luns a primeira dose da vacina
Por Oskar Viéitez |