Medio milleiro de propostas de sanción por incumprir as normativas anticovid nos últimos 15 días
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá unha reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade relacionados á actual situación sanitaria durante os últimos 14 días.
Entre o 24 de marzo e o 6 de abril, as forzas e corpos de seguridade do Estado levaron a cabo 3.570 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 3.410 axentes, identificáronse a 14.268 persoas, controláronse 10.759 vehículos e eleváronse 510 propostas de sanción. Ademais levaron a cabo 3.170 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, onde se interpuxeron 145 sancións.
Para Larriba, estas cifras evidencian "un comportamento responsable da cidadanía durante os pasados días festivos, xa que agás excepcións os veciños e veciñas da provincia manifestaron unha conducta exemplar". Destacou a socialista que a maior parte das sancións que se interpoñen continúan sendo por non usar a máscara segundo estipula a normativa.
Do mesmo xeito, a subdelegada avanzou que os axentes continuarán cos seus labores de prevención fronte á covid-19 levando a cabo controles e dispositivos adaptados á normativa autonómica.
Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; o comisiario provincial accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.