80 familias participan nun estudo sobre a respiración bucal na poboación infantil
Por Redacción
O centro Lingoreta realiza un estudo entre 80 familias con menores matriculados nas escolas infantís de O Tombo e O Revel. Trátase dun traballo pioneiro para analizar a prevalencia e a detección temperá de casos de respiración bucal entre pequenos con idades comprendidas entre 1 e 3 anos.
Este estudo denominado 'Lingoreta e Lingoreto. Respiración' realiza un primeiro cribado para a detección destes casos a través dunha escala-test sobre o comportamento respiratorio dos menores. Posteriormente elaborarase un resumo das conclusións, que servirán de guía con recomendacións ás profesionais encargadas das escolas e para as familias.
Tamén se desenvolve unha actividade complementaria na que a través dun contacontos se amosará as distintas formas de respirar de forma lúdica.
TRES EMPRESAS OPTAN A XESTIONAR O TOMBO E O REVEL
O goberno de Sanxenxo sacou, de novo, o prego de condicións a licitación por unha cantidade de 2.439.340 euros por un período de catro anos para as escolas infantís O Tombo e O Revel. Neste prego recóllense diferentes partidas destinadas a que estas escolas infantís asuman as medidas sanitarias derivadas da pandemia.
Increméntase desta forma en 559.496 euros o prezo de licitación do concurso público realizado en 2016, cun apartado centrado no reforzo da limpeza. As novas condicións establecen un reforzo de dúas traballadoras a media xornada para cada unha das escolas. Tamén se contempla un aumento de horas do persoal para garantir as aulas burbulla mentres continúe a actual situación sanitaria. Actualmente o horario é de 07.30 a 20.30 horas no que se inclúe servizo de comedor. As dúas escolas municipais contan con 121 prazas para distintos tramos de idade comprendidos entre os 0 e os 3 anos.
A empresa que logre a concesión deberá entregar antes do 30 de xuño a Terra de Sanxenxo a avaliación sobre o estado de conservación do mobiliario, materiais e instalacións con petición de actuacións de melloras no edificio e espazos exteriores.
O goberno local espera que a adxudicación do contrato estea formalizado no mes de maio.