Pescan no río Verdugo unha troita de dous quilos e medio
Por Oskar Viéitez
O experimentado pescador e encargado de Obras do Concello de Ponte Caldelas, Manuel Barros, capturou unha troita 2 quilos e 566 gramos de peso e que medía 63 centímetros.
Nas augas do río Verdugo ó seu paso polo lugar de A Fraga, picou o anzol un exemplar dun tamaño extraordinario e moi pouco habitual.
Nun entorno natural envexable, a carón dos muiños do Cornello, medrou unha troita que levou o seu tempo pescar, máis de 15 minutos, pero que finalmente sucumbiu ó sabor das miñocas da Fraga, atraente que o pescador colocara no anzol para atraer a captura.
Barros, que leva 45 anos pescando "dende que tiña 12 anos" recoñece que xa tiña "en vista" ó exemplar dende facía un tempo, pois as troitas de maior tamaño móvense sempre polas mesmas zonas do río, neste caso, nunha ubicación próxima ós Pasos do Fraga, río arriba. Co que non contaba o experimentado pescador era con que o peixe, coa forza que facía, "me rompese a cana e que tivese que acabar retirándoa do río tirando pola sedela".
Agora tocará saborealo en boa compañía, "cunha lonchiña de xamón e asada no forno, que é como mellor sabe", recoñece o pescador.
As troitas e o Río Verdugo formaron dende sempre unha combinación excepcional, por iso Ponte Caldelas leva 54 anos organizando a Festa da Troita, un evento gastronómico que rende homenaxe a un peixe moi vinculado coa vila e a todos os pescadores que cada ano desfrutan da natureza e da pesca en Ponte Caldelas.