O alcalde de Cuntis pregunta ao delegado da Xunta polos dous procesos de concentración parcelaria en curso
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo este mércores un encontro co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, no edificio da administración autonómica en Campolongo.
Manuel Campos preguntou polos procesos de concentración parcelaria e Luis López indicoulle que as dúas iniciativas en curso, Troáns I e Troáns II, seguen avanzando, segundo o caso, na súa tramitación administrativa ou na execución das obras.
Así, no caso de Troáns I, atópase en fase de acordo tras ter recibido unha cifra de recursos inferior ao 6% dos propietarios beneficiarios, polo que agárdase que nun breve prazo se poida proceder á toma de posesión provisional dos predios. Ademais, estanse a executar os traballos da rede de camiños secundarios e da colocación de marcos.
Con respecto a Troáns II, a toma de posesión produciuse no pasado mes de outubro, polo que os propietarios teñen ata finais deste mes para a retirada do arborado.
"APOIO E COLABORACIÓN" DA XUNTA
Luis López transmitiu ao alcalde de Cuntis o "apoio e colaboración" da Xunta de Galicia coas necesidades do municipio ao abeiro do clima de entendemento e cooperación entre ambas administracións públicas.
O representante autonómico informoulle da concesión de máis de 85.000 euros para a mellora de camiños municipais para este mesmo ano, xa que o Concello de Cuntis ten outorgados 44.880 euros do Plan Marco e outros 41.971 euros máis nun dos seis Plans de Infraestruturas Rurais (PIR) aprobados para as bisbarras de Pontevedra e Caldas.
Por outra banda, na reunión tamén se abordaron cuestións referidas á mellora de estradas autonómicas e relativas ao centro sanitario, entre outras, que o delegado territorial comprometeuse a xestionar coas respectivas consellerías para ver a dispoñibilidade orzamentaria e as posibilidades de execución.
Relacionadas:
-
Cuntis pide á Xunta a mellora da rúa do Convento e a limpeza do río Gallo
Por Redacción |
-
Cuntis informa de que a consulta sobre a parcelaria de Troáns deberá facerse por teléfono ou na web
Por Redacción |
-
Cuntis pon en marcha a construción dunha rede secundaria de camiños en terreos da parcelaria de Troáns
Por Redacción |
-
Cuntis solicita á Xunta a mellora de camiños e a modificación dunha liña eléctrica nas parcelarias de Troáns
Por Redacción |