Cerdedo-Cotobade axudará con 1.000 euros a 35 locais de hostalería do municipio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade achegará 35.000 euros de fondos propios ao segundo plan de rescate posto en marcha pola Xunta para os hostaleiros e autónomos do municipio. O alcalde, Jorge Cubela, cifra en 1.000 euros por establecemento a achega municipal que se sumará aos fondos que recibirá cada un deles da administración autonómica por estas axudas.
"Hai moitas familias no municipio de Cerdedo-Cotobade que o están pasando moi mal e precisan da nosa axuda xa", dixo o rexedor para xustificar o esforzo orzamentario que realizará o Concello.
O número definitivo de establecementos hostaleiros que solicitaron e recibirán a subvención municipal é de 35. Para facer efectivo o pago destas axudas, Xunta e Concello asinarán un convenio que permitirá que nas próximas semanas os 35 locais comecen xa a recibir ambas as axudas.
"Tomamos esta decisión de unir esforzos e recursos para que os nosos hostaleiros e autónomos non teñan que peregrinar de ventanilla en ventanilla e facer farragosos trámites administrativos para acceder ás axudas. Así, cunha administración única acúrtanse prazos e faise menos papeleo", xustificou Cubela, quen critica á Deputación por complicar os trámites para acceder ás súas subvencións.