Cuntis pide á Xunta a mellora da rúa do Convento e a limpeza do río Gallo
Por Redacción
No encontro do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, co novo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, o rexedor trasladoulle diferentes demandas da veciñanza e solicitou o apoio da Xunta para a posta en marcha de diversas iniciativas e proxectos.
Manuel Campos puxo sobre a mesa como unha das reclamacións principais a mellora das beirarrúas na rúa do Convento. Tras unha reunión coa conselleira no 2017 a Xunta adquirira o compromiso de estudar e efectuar esta actuación sempre que o Concello asumira a renovación dos servizos, que xa está executada.
En relación a infraestruturas Manuel Campos tamén insistiu na necesidade de que a Xunta actúe no treito urbano do río Gallo para retirar vexetación e árbores caídas. Nesta liña lembrou que o Concello xa remitiu nos últimos meses diferentes comunicacións a Augas de Galicia e incluso acordos plenarios para que se dea resposta a esta situación.
Por outro lado, pediulle a Luís López o apoio da Consellería de Medio Rural para a adquisición dun novo camión de extinción de incendios. O vehículo actual presta servizo desde hai máis de 35 anos e as súas condicións fan precisa a súa renovación para poder seguir actuando con garantías ante calquera emerxencia.
O alcalde non perdeu a oportunidade de lembrarlle ao delegado territorial a urxencia de mellorar a atención sanitaria no municipio, onde actualmente só prestan servizo dous facultativos no centro de saúde o que provoca que habitualmente teñan que afrontar unha carga de traballo excesiva e isto acabe repercutindo na calidade da asistencia. Así mesmo, solicitoulle o arranxo da cuberta do edificio que se atopa moi deteriorada.
Así mesmo, insistiu na inclusión do Concello de Cuntis na área de transporte metropolitano de Santiago, na mellora das comunicacións con Moraña, na necesidade de apoio económico para saneamentos, no remate das parcelarias de Troáns, ou na construción un depósito de cabeceira na ETAP de Sebil importante para garantir o abastecemento nos picos de consumo.
Manuel Campos agradeceu a visita do delegado territorial así como a cordialidade do encontro a boa disposición mostrada Luís López para atender as propostas efectuadas. "Foi un encontro proveitoso e moi construtivo" sinalou o alcalde. "Confíamos en seguir mantendo un estreito contacto e agardamos que ao longo do mandato se vaian facendo realidade todas estas propostas", engadiu.
Relacionadas:
-
O Concello de Cuntis asume as obras de mellora na autonómica Rúa do Convento ante o seu mal estado
Por Redacción |
-
Augas de Galicia limpa os ríos Gallo, Patela, Campo e Calvos ao seu paso por Cuntis
Por Redacción |
-
Investiranse 1.600.000 euros en novas obras de saneamento en Cuntis
Por Redacción |
-
O alcalde de Cuntis pregunta ao delegado da Xunta polos dous procesos de concentración parcelaria en curso
Por Oskar Viéitez |