87.000 euros investidos nos montes de Viascón para fomentar as especies frondosas fronte os eucaliptos
Por Redacción
Durante 2020 transformáronse 35 hectáreas pertencentes a áreas da Comunidade de Montes de Viascón no municipio de Cerdedo-Cotobade. Leváronse a cabo plantacións, podas, limpezas de vías forestais e plantacións de frondosas e outras especies coa intención de evitar a masificación de eucaliptos.
Estas accións executáronse con fondos propios da Comunidade de Montes que preside Ernesto Filgueira e con algunhas colaboracións da Xunta de Galicia nun montante que supera os 87.000 euros de investimento.
Entre estas iniciativas contémplase tamén a creación de zonas de seguridade perimetral a distancia de 50 metros dos núcleos de poboación con roza e un importante traballo de rareo que permita a autorexeneración da vexetación autóctona. Estes traballos forman parte do Plan de Ordenación Forestal aprobado en decembro en 2019, que contempla a creación de devasas para evitar que se estendan os danos nunha posible onda de incendios e, ademais, búscase reverter a ampla eucaliptización en favor doutras especies frondosas.
Entre os proxectos destacables atópase o de silvicultura realizado en zonas de piñeiros coa trituración de restos vexetais, poda das árbores e plantación de máis unidades.
Erenesto Filgueira tamén destaca a negociación emprendida entre a Comunidade de Montes e a Enxeñería de Montaxes Rías Baixas, que permite que esta empresa desenvolva proxectos de recuperación ambiental valorados en 7.000 euros. Un deles consistirá na plantación de 500 especies frondosas para reducir o impacto visual das infraestruturas desta entidade e un segundo proxecto que se centrará en plantar 300 frondosas para mellorar un espazo entre a N-541 e a estrada de Atalaia, integrándose coa Carballeira da Capitana.