Poio homenaxeará de xeito póstumo a Pepe Solla o próximo 22 de abril
Por Redacción
O vindeiro 22 de abril o Concello de Poio celebrará un acto para adicarlle ao histórico chef Pepe Solla a Rúa do Adro, na súa parroquia natal de San Salvador.
Segundo confirmou Marga Caldas, titular do departamento de Memoria Histórica, esta proposta foi aprobada no Pleno ordinario do mes de outubro, de forma unánime por todos os grupos da Corporación.
"Gustaríanos ter celebrado este acto moito antes, pero entendemos que era preciso agardar a que a situación sanitaria mellorase o suficiente para poder desenvolver este acto con todas as garantías", indicou Caldas. Neste senso, será un acto que desenvolva ao aire libre, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan, e cumprindo con todas as medidas de distanciamento correspondentes.
No momento da aprobación no pleno, o Goberno municipal adiantou a intención de colocar unha placa conmemorativa na Rúa do Adro, moi preto da vivenda do chef e do seu restaurante Casa Solla, e que foi freada en seco pola chegada da pandemia pola covid.
Así mesmo, Caldas agredeceu á familia de Pepe Solla a súa comprensión e implicación nesta homenaxe coa que porán en valor "un lugar no que Pepe desenvolveu boa parte da súa traxectoria vital e profesional, inaugurando un negocio que desde hai décadas xa é un referente da nosa gastronomía a nivel galego e nacional".
O Concello de Poio ten claro que "unha figura tan importante e determinante dentro da restauración e da propia historia do noso municipio, e que sempre luciu con orgullo as súas raíces poienses, ben merece esta homenaxe", que será levada á vindeira Comisión de Cultura.
Ademais da fundación de Casa Solla, que foi o primeiro restaurante de Galicia en acadar a Estrela Michelín (1980), entre os méritos de González Solla inclúense a obtención da Medalla ao Traballo da Asociación de Traballadores de Hostalería de Vigo e ter sido membro distinguido do Club de Leóns e da Peña da Boina. A maiores, presidiu a Asociación Amigos da Cociña Galega e foi distinguido co Premio Pontevedreses do Ano na categoría de Economía e foi recoñecido co Premio Amigos de Pontevedra.