Avanza a recuperación da praia da Carabuxeira coa extracción de 4.000 metros cúbicos de area
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo informa de que xa se extraeron os primeiros 4.000 metros cúbicos de area depositada na fronte mariña da praia da Carabuxeira. Con esta operación, formouse un leito no que se situará o tubo xeotéxtil que actuará como dique.
Neste punto, situado na parte alta de praia, a pa escavadora comezou a formar montículos de area a modo de barreira natural para garantir a fixación. O árido estenderase posteriormente ata lograr a cota e perfil óptimos para a rexeneración prevista na praia.
A empresa encargada dos traballos iniciará a próxima semana a colocación, nun dos extremos da praia, dos primeiros 20 metros do tubo xeotéxtil que se encherán de area para garantir a súa estabilidade e permanencia no punto elixido. A dragaxe ao tubo calcúlase que podería durar entre un e dous días.
Nesta primeira fase está previsto extraer na zona erosionada da praia un total de dez mil metros cúbicos de area, que supoñen mil camións de vinte toneladas de area cada un. Tamén se procederá a cubrir as rochas que o arrastre das mareas deixou á vista e que ocupan gran parte da antiga praia. Así mesmo, darase máis seguridade e estabilidade aos muros de peche, accesos e vivendas situadas na primeira liña, que se atopan expostas ao desgaste das ondas nas mareas altas e temporais.
Nunha segunda fase, prevese montar unhas estruturas de contención permanentes e a dragaxe final na praia de 25.000 metros cúbicos de area. Ademais, inclúese un paseo marítimo de 360 metros entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira.
Os traballos están sufragados con fondos da sociedade municipal Nauta e teñen un custo de 123.000 euros.
Relacionadas:
-
A Carabuxeira reabre tras completarse a primeira fase de rexeneración
Por Redacción |
-
Unha rexenerada Carabuxeira recibirá os seus primeiros bañistas o 18 de xuño
Por Redacción |
-
Instalan o primeiro tubo xeotéxtil para conter a area na praia da Carabuxeira
Por Redacción |
-
A Carabuxeira volverá ser unha praia coa recuperación da súa area
Por Oskar Viéitez |
-
O estudo xeotécnico en 3D da praia marca o arranque dos traballos de rexeneración da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Fixan o venres 12 de febreiro como data de inicio para a rexeneración da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Marcor Xove, única empresa en presentarse ao concurso para rexenerar A Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |