Pontevedra habilitará un parque infantil con xogos de auga na contorna do Recinto Feiral
Por Redacción
Un parque infantil con xogos de auga é a nova proposta da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, coa previsión de poder estrealo este mesmo ano.
Esta nova zona recreativa estará situada no parque Rosalía de Castro, entre o Paseo de Rafael Areses e o Recinto Feiral. Completarase ademais cunha zona deportiva ao aire libre nun proxecto que supoñerá un investimento global de máis de 350.000 euros, segundo confirma o goberno local.
Tal e como explica o concelleiro Iván Puentes os terreos nos que se construirá "están clasificados como solo urbano e zona verde conforme e non están afectados por Costas", polo que as obras poderíanse poñer en marcha en cuestión de poucos meses cun prazo de execución estimado de catro meses máis.
"A miña intención é que en 2021 os nenos pontevedreses poidan estrear o seu primeiro parque de xogos acuáticos, con elementos pensados para diferentes idades, totalmente accesibles e seguros e diversas áreas: unha zona con xogos de texturas de auga suave, outra zona interactiva con chorros e unha terceira con efectos visuais e maior caudal de auga", explica o edil.
O proxecto foi deseñado polo xefe do servizo municipal de parques e xardíns, Manuel Fontán, coa intención de que os xogos se fabriquen para ter unha gran durabilidade en canto ás condicións meteorolóxicas e tamén preparados para evitar actos vandálicos.
Segundo explica o Concello todos os xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar. O parque contará ademais con iluminación LED e con luces á beira dos chorros de chan para xerar efectos visuais e de cor.
Todo elo completarase cunha zona deportiva e de fitness formulada como un gran espazo ao aire libre para que os pontevedreses poidan adestrar. Así tense a intención de instalar equipos inclusivos, un circuíto de cros training con elementos de resistencia axustables e outro de cardio con varios modelos de bicicletas fitness.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, móstrase "entusiasmado" con esta iniciativa que "incrementará o valor paisaxístico da ribeira do Lérez na contorna do Pazo de Congresos, incidindo nese obxectivo de que a cidade gañe cada vez máis vida cara o río".
Relacionadas:
-
O parque de xogos de auga comezará a construírse en outubro
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará antes de final de ano o primeiro parque infantil con xogos de auga
Por Alejandro Espiño |
-
Amplían e melloran o parque infantil da Praza das Regas en Valdecorvos
Por Redacción |
-
O parque infantil de Ponte Muíños xa está renovado
Por Redacción |
-
Posta a punto do parque infantil de Barcelos
Por Redacción |