Os socialistas de Sanxenxo reclaman a "reapertura inmediata" do centro de día municipal
Por Redacción
O PSOE de Sanxenxo reclama ao Concello a "reapertura inmediata" do centro de día municipal, instalación que leva pechada dende o inicio da pandemia e única que presta este servizo na zona.
Tal e como indicou a líder da oposición, Ainhoa Fervenza, "fai case un ano, Feijóo cumplía o que dicía, que foi abrir de novo os centros. Equipalos cos equipos e protocolos de seguridade necesarios, xa foi outro cantar".
Neste senso, o centro de día de Sanxenxo ofrece un servizo esencial tanto os seus usuarios como ao seu entorno familiar, e "en moitos casos é o único recurso dispoñible para a correcta atención dos maiores e, incluso, para que as familias poidan conciliar traballo e vida persoal", explicou Fervenza.
"Que na meirande parte dos concellos de Galicia leven meses funcionando a pleno rendemento, mentres o de Sanxenxo está pechado a cal e canto e nun estado de abandono total, é inxustificable", criticou a socialista á vez que lamenta que o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín "minte máis que fala". "Dixo que aproveitarían o peche forzoso para facer reformas" pero "ninguén foi por alí a facer nada. O centro é pasto das malas herbas. Parece que leva pechado 20 anos", concluíu.