O Concello de Marín contrata 13 persoas para desempeñar labores de peón e conserxería
Por Redacción
Ata 17 persoas desempeñarán nos próximos meses traballos de apoio en diversas áreas municipais de Marín.
O Concello informou da recente contratación de 10 peóns e 3 conserxes para reforzar algúns dos seus servizos. Trátase dunha contratación para a que se pediu á Deputación de Pontevedra unha subvención de 113.288,50 euros, con cargo á liña 3 do Plan Concellos 2021, ao que se suma a porcentaxe que a administración local debe sufragar con fondos propios.
Doutra banda o Concello renovou por 6 meses os contratos de 4 persoas máis que estaban en activo a través do programa O teu Primeiro Emprego. Todos os implicados son titulados medios e superiores encargados de diferentes funcións en áreas de Informática, Urbanismo, Tesourería e Persoal.
Para este tipo de contratacións, explica o goberno local, adóitase solicitar a incorporación de persoas preceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), para ofrecerlles unha oportunidade de reengancharse ao mercado laboral.