Louzán: "Probablemente Bolcotur irá rotando pola provincia de Pontevedra"
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, explicou a PontevedraViva os plans que o servizo de Turismo Rías Baixas ten para Bolcotur, a Bolsa de Contratación Turística de Galicia e Norte de Portugal, que durante 20 anos ininterrompidos tivo a súa sede en Pontevedra pero que nesta edición se irá para a cidade de Vigo.
"Está a causar bastante boa sensación que se poña en marcha de novo, era algo que estabamos meditando onde facelo", dixo Louzán. "Entendíamos que había que ir aos distintos puntos de interés turístico da provincia".
O pasado ano Bolcotur desvinculouse da Cámara de Comercio de Pontevedra e a Deputación ofreceuse a colaborar co Grupo Norte, empresa que organiza este evento, acollendo no Edificio Sarmiento todas estas actividades. Nesta ocasión, Rafael Louzán recorda que o Edificio Sarmiento xa está musealizado e non dispón de espazo abondo para desenvolver a Bolsa de Contratación. "Creo que Bolcotur alí non era posible".
"Entendemos que Vigo, que ten un atractivo turístico tamén importante, é un lugar axeitado para realizalo, e así probablemente vaiamos rotando pola provincia de Pontevedra", indicou Louzán.
"Se isto é un éxito, o importante é pensar no beneficio global das Rías Baixas e tamén de Galicia", concluíu o presidente da Deputación.