Agárdanse chuvascos de martes a venres nas Rías Baixas
Por Redacción
A semana comeza coas altas presións localizadas ao norte da península Ibérica, que achegan estabilidade ás Rías Baixas. Os ceos presentaranse pouco nubrados ou despexados, con nubes altas entrando desde o sur a medida que avance a xornada, segundo o servizo de Meteogalicia. As temperaturas mínimas situaranse sobre os seis graos mentres que as máximas recupéranse ata situarse en 19 graos. Os ventos soprarán de compoñente leste, con intervalos fortes no litoral norte.
Durante o martes, o anticiclón retirarase cara ao norte. quedando así na influencia dunha borrasca situada ao norte dos Azores, que enviará unha fronte sobre Galicia. Os ceos estarán nubrados con chuvascos, máis probables no sur da comunidade. As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso e as máximas manteranse igual, de maneira que os termómetros moveranse entre os 11 e os 19 graos. O vento soprará frouxo do sueste, con intervalos fortes no litoral norte.
A influencia das baixas presións situadas no sur de Galicia deixarán moita inestabilidade atmosférica durante o mércores 14 de abril. O aire cálido figurará en superficie pero rexistrarase frío nas capas altas da atmosfera. Os ceos estarán parcialmente cubertos con nubes de tipo medio e alto, con posibilidade dalgún chuvasco ocasional. As temperaturas situaranse entre os 13 e os 23 graos. O vento soprará frouxo de compoñente leste, cun régime de brisas nas Rías Baixas.
Ao longo do xoves, a situación será intermedia entre as altas presións centradas sobre as Illas Británicas e as baixas procedentes do norte de África, con aire frío nas capas medias e altas con inestabilidade. Produciranse chuvascos de carácter tormentoso, na zona sur de Galicia. As temperaturas seguirán entre os 10 e os 24 graos con ventos do nordeste.
Unha pequena borrasca procedente de Portugal aumentará a inestabilidade ao longo do venres con alta probabilidade de chuvascos. Con todo, durante a fin de semana está prevista a recuperación da influencia anticiclónica e o retorno do tempo seco, con temperaturas propias desta época do ano.