A hostalería acapara máis da metade das solicitudes de axudas á reactivación económica en Vilagarcía
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa informa de que, unha vez rematado o prazo para solicitar a concesión das Axudas Municipais á Reactivación Económica, contabilizáronse 236 peticións.
Máis da metade das solicitudes correspóndense a establecementos hostaleiros, o sector máis afectado polos peches preventivos a consecuencia da pandemia. O número de peticións cursadas desde a hostalería é de 134.
A maiores das solicitudes presentadas por bares, cafeterías, restaurantes e demais locais de hostalaría, o segundo grupo máis numeroso é do pequeno comercio, seguido xa a distancia por pequenos negocios do sector servizos e algún do sector turístico.
O Concello de Vilagarcía dispón dunha partida de 200.000 euros para financiar estas axudas directas que oscilan entre os 300 e os 800 euros. Os primeiros expedientes de concesión xa se aprobaron na Xunta Local de Goberno celebrada este luns 12 de abril.
Trátase da segunda convocatoria realizada en menos dun ano pola Concellería de Promoción Económica de Vilagarcía para a concesión de axudas directas destinadas a tratar de minorar as perdas sufridas polos sectores da hostalaría, pequeno comercio e sector servizos da economía local durante a crise sanitaria. Con estas axudas, que son compatibles coas de outras administracións, preténdese evitar a perda de actividade por peches definitivos, manter o emprego e a competitividade e constituír un revulsivo para a recuperación.
As axudas teñen dúas modalidades: as destinadas aos negocios obrigados ao peche e as dirixidas a outras actividades que, sen estar obrigadas, sufriron un descenso de facturación como consecuencia das restricións da pandemia.
Os gastos subvencionables son os fixos realizados ou devengados entre o 1 de novembro de 2020 e o día de presentación da solicitude. Os anteriores a estas datas xa foron obxecto da anterior convocatoria das axudas. Precisamente, nesa edición presentáronse 533 solicitudes.