Un sistema informático axudará a evitar aglomeracións no Mercado de Abastos
Por Redacción
En breve prazo de tempo, o Mercado de Abastos contará cun sistema informático de control de capacidade, que permitirá contar o número de persoas con visualización en tempo real que se atopa dentro do edificio.
A concellería de Promoción Económica, que dirixe a concelleira Yoya Blanco, investirá máis de 7.000 euros para contratar esta tecnoloxía, que se instalará nas principais portas de acceso ao mercado. Este traballo será posto en marcha polo grupo especializado en seguridade corporativa Almas Industries.
Este sistema contará con gravación de vídeo en rede, disco duro e monitores de control. Segundo informan desde a concellería, estes monitores ofrecerán unha precisión do 95% e controlarán unha área de ata dous metros.
Yoya Blanco afirma que se trata dunha ferramenta punteira, que permitirá a usuarios e persoal que traballa no Mercado maior tranquilidade sanitaria á hora de realizar a actividade habitual na praza de abastos evitando aglomeracións que poidan provocar contagios por coronavirus. Nestes momentos, as instalacións contan cunha capacidade máxima de 150 persoas por planta.