Aberta a inscrición para os cursos de español para persoas inmigrantes da Deputación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para a quinta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes. Con esta convocatoria, a institución provincial quere axudar á poboación non hispanofalante para preparar e superar a proba DELE A2, é dicir, o Diploma de Español como Lingua Estranxeira, requisito indispensable para que poidan logo solicitar a nacionalidade española.
Para os tres cursos de 40 horas de duración haberá un total de 55 prazas e desenvolveranse dous deles en Vigo e un en Pontevedra.
Desde este luns 12 de abril e ata o día 30 de abril, inclusive, as persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario que poden atopar na web da Deputación: www.depo.gal.
As clases arrancarán o 24 de maio en Vigo, co primeiro curso que se prolongará ata o 11 de xuño, en horario de 15.30 a 18.10 horas, e que ten un total de 20 prazas. Tamén na cidade olívica desenvolverase a segunda actividade formativa, desde o 14 de xuño ao 2 de xullo, de 9.30 a 12.10 horas, con 15 prazas. E do 13 de setembro ao 1 de outubro terá lugar o curso en Pontevedra, con 20 prazas, en horario de 9.30 a 12.10 horas.
As clases desenvolveranse cun estrito protocolo anticovid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidese impartir de modo presencial polas circunstancias da evolución da pandemia, valorarase a posibilidade de realizala en remoto.
Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación regular. Unha vez finalizados os cursos, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo en dúas datas: o 10 de setembro para as persoas que participaron nos dous primeiros cursos e o 13 de novembro para as do terceiro curso.
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha esta iniciativa no ano 2017 co fin de facilitarlles ás persoas de países non falantes de castelán a consecución deste título. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e un custo económico que para algunhas persoas é inasumible. Para loitar contra a exclusión social, a través deste programa a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas catro edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 235 participantes.
O pasado ano un total de 40 persoas superou a proba, o que supón un 80% do alumnado. A maioría das persoas participantes procedían de Marrocos, Brasil e Senegal, con presenza tamén de orixinarios de Ghana, Mauritania, Quenia, Alxeria ou Nixeria.
Relacionadas:
-
Vinte participantes inician en Pontevedra o terceiro curso de español para inmigrantes
Por Redacción |
-
O 80% do alumnado inmigrante dos cursos de español da Deputación superou o exame
Por Redacción |
-
Os cursos de español para inmigrantes organizados pola Deputación obtiveron un 87% de aprobados no DELE A2
Por Redacción |