Vilagarcía suspende de forma preventiva os obradoiros de emprego tras detectarse un positivo en covid
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía suspendeu este luns de forma preventiva os obradoiros de emprego FORME e Labora Xove ao terse detectado un caso positivo de COVID entre o persoal docente.
Os responsables municipais comunicaron a situación de inmediato á dirección do Centro de Alertas Epidemiolóxicas que recomendou o peche preventivo dos dous obradoiros durante 10 días, anunciando que este martes se realizará un cribado entre o alumnado, profesores e persoal de dirección para ter maior control da situación e determinar si se trata dun caso illado ou si pode haber máis afectados.
A persoa infectada forma parte do equipo docente do Labora e incorporouse o pasado xoves. Maila que a súa labor se limita a esta especialidade e o escaso tempo que compartiu clases co alumnado, dado que as clases de socorrismo do Labora e as de atención socio sanitaria e xardinería do FORME se desenvolven no mesmo edificio e profesores comparten sala de reunións, optouse por suspender a actividade nos dous obradoiros ata que se leven a cabo os cribados e as autoridades sanitarias decidan ao respecto.
Os dous obradoiros suman un total de 36 alumnos, ao que hai que sumar ás 10 persoas máis que conforman os equipos directivos e os docentes.
O Servizo Municipal de Emerxencias, con sede nos baixos do inmoble, permanece operativo ao utilizar instalacións independentes e non compartir estancias cos dos obradoiros. Ademais, os seus efectivos xa están vacinados. Con todo, o Concello segue pendente das instrucións do Sergas e do Centro de Alertas Epidemiolóxicas.