VÍDEO.- É o momento de facer trampas para capturar raíñas da avespa velutina
Por Anxo Lourido
Abril converteuse nun mes fundamental para a loita contra a expansión da avespa velutina. É o momento idóneo para capturar ás raíñas desta especie alóctona. Esteban Jamardo, presidente da Asociación Stop Velutina Umia, explica nun vídeo publicado polo Concello de Barro que cada unha das raíñas que se capture nesta época do ano significará un niño secundario menos que apareza durante os meses de verán.
As avespas velutinas ou asiáticas, como son popularmente coñecidas, supoñen un perigo para as persoas cando atacan en grupo, ademais do grave problema que implican para a escasa poboación de abellas. Segundo Apidena, esta avespa aliméntase de abellas, ademais de moscas, bolboretas, eirugas e outros insectos porque precisa de proteína para alimentar ás crías e tamén azucres para potenciar a súa actividade produtiva.
Inicialmente é a raíña a que acode ás colmeas para conseguir alimento, pero a partir de xuño serán as obreiras as que acudan. Unha decena de avespas destrúen as colmeas nun prazo breve de tempo, co problema que iso conleva na biodiversidade e na produción de mel.
Ademais das trampas comerciais, desde os colectivos que loitan contra esta avespa promóvese a creación de trampas caseiras de moi fácil elaboración. Esteban Jamardo explica que só é necesario empregar unha botella grande de litro e medio ou dous litros, realizar unha cruz na zona elevada para despois cunha botella de pequeno tamaño facer unha entrada para os insectos que encaixe no oco sen deixar espazo para que fuxan.
O líquido atrayente debe realizarse cun litro de zume de arandos, 300 gramos de azucre branco e unha porción de fermento fresco para elaborar pan. Estes ingredientes deixaranse durante dúas horas para que se desfaga o fermento e, unha vez pasado ese tempo, introdúcese nas trampas. Esta elaboración contempla outras variantes coa utilización de mel e cervexa xunto ao zume, por exemplo.
Despois a trampa debe colocarse nunha árbore con flor, se é posible camelias de flor vermella con estambres amarelos. Tamén se pode pintar a entrada da botella desa cor amarela porque resulta atrayente para as velutinas. A trampa debe estar nun punto onde o sol pegue durante a maior parte do día. Cada 15 días débese cambiar o líquido.
A cifra de niños destruídos na provincia de Pontevedra supera os 5000, segundo a publicación Avespa asiática. A Xunta de Galicia ten o teléfono 012, ao dispor da cidadanía para recoller avisos e retirar niños desta especie invasora.