Investigan a estraña aparición dun home cun golpe moi grave na cabeza en Valdecorvos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As policías Local e Nacional de Pontevedra manteñen aberta unha investigación para aclarar as estrañas circunstancias que rodearon a aparición, na tarde deste luns, dun home cunha lesión moi grave tirado nun banco no barrio de Valdecorvos.
O home atópase en estado moi grave no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. En canto foi localizado, trasladárono en ambulancia ao Hospital Montecelo, pero tras recibir unha primeira atención neste centro, foi derivado a Vigo para ser atendido pola gravidade das súas feridas. Presenta unha brecha moi grave na cabeza, sufriu hemorraxia e ten tamén lesións noutras partes da cara. De momento, os policías non puideron falar con el dado o seu delicado estado de saúde.
Un transeúnte que paseaba pola zona de aldecorvos alertou á Policía Local pasadas as 17.00 horas da tarde deste luns de que vira un home saír dun coche e dirixirse a un banco, onde quedou tirado. Os axentes municipais trasladáronse ao lugar e atoparon ao home gravemente ferido, de modo que foi trasladado de forma inmediata ao Hospital Montecelo. Tanto alí como durante o seu traslado a Vigo estivo custodiado por patrullas policiais.
Tras a aparición do ferido, abriuse unha investigación na que colaboran ambos os corpos policiais.
O coche foi retirado do lugar e permanece custodiado na Xefatura da Policía Local baixo vixilancia por tratarse dunha proba importante para esclarecer o ocorrido. Ademais, un cordón policial mantén acordoada a zona na que apareceu o coche para preservar calquera posible proba que apareza no lugar.