Novo impulso á vacinación na área sanitaria, con 31.173 doses en dúas semanas
Por Redacción
O recinto feiral de Pontevedra acolleu este martes unha nova xornada de vacinación masiva fronte á covid-19, neste caso enfocada á inmunización coa vacina de Pfizer a persoas de entre 75 e 79 anos. É unha das dúas xornadas desta natureza programadas para esta semana na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pois repetirase este mesmo mércores 14 de febreiro. Entre os dous días, recibirán algunha doses 5.000 persoas, 3.800 de Pontevedra e 1.200 no Salnés.
Este martes, con motivo desta xornada, visitaron o recinto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, que puideron coñecer de xeito directo como se organizan estas xornadas nas que se cita de xeito masivo á poboación e aos profesionais responsables da tarefa.
Luís López destacou o "intenso traballo global e transversal" que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade. "Son inimigo dos trunfalismos, pero creo que é importante dar a coñecer o traballo que se está a facer e a calidade do sistema sanitario público galego, para que os cidadáns manteñan a súa confianza na protección da saúde que se lles ofrece no marco dunha crise moi dura, moi complexa e moi longa", manifestou, acompañado polo xerente da área sanitaria, Xosé Ramón González, e o voceiro local do PP, Rafa Domínguez.
O delegado territorial destacou que estamos "na fase final da parte máis dura da pandemia" grazas ás inmunizacións e fixo unha chamada á poboación a vacinarse, insistindo en que "é seguro sexa cal sexa a dose e porque é o xeito máis rápido de volver á normalidade, de protexer a saúde dos galegos e de reactivar as nosas vidas e a economía.
Estas dúas xornadas supoñen un impulso importante para a inmunización na área sanitaria, que entre a semana pasada e a actual logrará vacinar un total de 31.173 persoas.
Segundo as cifras oficiais facilitadas pola Xunta de Galicia, esta semana -entre os días 12 e 18 de abril- recibirán a vacina un total de 8.036 persoas e do 5 ao 11 de abril, isto é, a semana pasada, xa a recibiran 23.137.
En canto á previsión de vacinación da área sanitaria para a presente semana, a maiores deses 5.000 cidadáns que recibirán doses nestas vacinacións masivas, tamén se inxectaron o luns 474 doses de Pfizer de repesca nos distintos hospitais da área sanitaria e entre o luns e o venres prevén poñer doses de Pfizer a un total de 2.562 persoas maiores de 80 anos nos centros de saúde.
En canto ás cifras da semana pasada, nos centros de saúde puxéronse 6.377 doses de Pfizer a maiores de 80 anos de luns a venres e no recinto feiral foron 9.010 doses de Pfizer a persoas de 75 a 79 entre o xoves e o domingo e 7.750 doses de Astrazeneca a persoas de 60 a 65 entre as xornadas de martes, mércores e domingo.
VACINACIÓN PARA O 29% DA POBOACIÓN
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu este martes, a petición propia, no Parlamento de Galicia e explicou que o domingo pasado a Xunta tiña vacinadas 546.630 persoas, o 23,1% da poboación. Esta semana prevense administrar 138.500 vacinas, polo que se remataría cunha estimación de 685.130 vacinas, que sería xa un 29% do total da poboación a vacinar.
García Comesaña destacou que Galicia ten unha porcentaxe de vacinación de doses administradas do 93,2%, o que a sitúa na segunda comunidade do Estado neste apartado e anunciou o comezo da vacinación de persoas con moi alto risco, ao que irán destinadas 35.000 doses de Moderna.
Da vacina de Janssen, estaba previsto que se recibiran este mércores 8.500 doses que se ían destinar á vacinación nos domicilios, pero na tarde deste martes o Ministerio de Sanidad anunciou a suspensión da distribución.
De AstraZeneca está prevista a chegada de 7.500 vacinas, que permitirá levar a cabo unha vacinación masiva de 15.000 persoas do grupo de 60 a 65 anos, a vindeira fin de semana.
En Galicia xa se iniciou a vacinación a domicilio dos grandes dependentes e dos maiores de 80 anos que non puideron achegarse aos centros de saúde. Paralelamente, séguense a vacinar aos grupos de idade de 75 a 79 e aos de 60 a 69. Neste apartado, o conselleiro remarcou que, no grupo de persoas maiores de 80 anos, xa se vacinou ao 92,5%.
Relacionadas:
-
Máis de 4.000 persoas serán vacinadas con Pfizer e AstraZeneca esta fin de semana na área sanitaria
Por Redacción |
-
Galicia atrasa o toque de queda ás 23:00 e permitirá a restaurantes dar ceas
Por Alejandro Espiño |
-
Dous hospitalizados máis por covid na área sanitaria, que conta con 366 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Peche dunha semana de vacinación masiva na que foron citadas 14.350 persoas da área sanitaria
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
A Xunta vacina a 4.015 persoas de entre 60 e 65 anos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade organiza unha vacinación masiva para persoas de 75 a 79 anos e entre 60 e 65 anos
Por Alejandro Espiño |