Licitan o servizo de educación ambiental da Aula da Natureza do Siradella
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente vén de licitar o servizo de deseño e execución de campañas de divulgación e educación ambiental da Aula da Natureza do Siradella cun orzamento de case 98.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse ata esta instalación pública emprazada no Concello do Grove para informar da apertura deste proceso de contratación, que permitirá adxudicar a xestión deste centro dende o mes de xuño durante dous anos ata mediados de 2023.
"Temos unhas instalacións naturais de primeiro nivel nun enclave privilexiado dun municipio de gran forza medioambiental e paisaxística e queremos seguir poñéndoas en valor e potenciando os recursos desta península e de toda a súa contorna, polo que poñemos en marcha este proceso para seguir atendendo aos milleiros de visitantes que pasan cada ano polo Siradella", explicou o representante autonómico.
A Aula da Natureza do Siradella centra as súas actuacións na área de influencia da Zona de Especial Protección para Aves do Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira e na Zona de Especial de Conservación do Complexo Ons-O Grove, así como no humidal protexido de importancia internacional Ramsar denominado Complexo intermareal Umia-O Grove.
Este recinto, que conta cunha exposición permanente sobre estes espazos naturais protexidos para dar a coñecer os seus valores ambientais, culturais e patrimoniais, recibiu un total de 11.651 visitantes nos dous últimos anos malia a lóxica diminución rexistrada polos peches temporais e as restricións sanitarias derivadas da pandemia. Ademais, gran parte dos visitantes, o 35%, son nacionais e incluso un 3% procede do estranxeiro.
Entre as actividades realizadas por este centro, destacan as rutas dos miradoiros, dos pilros e das lagoas, a senda litoral do Castrelo, as visitas ao sistema dunar da Lanzada ou os paseos guiados polos xardíns da Toxa.
Tamén organiza actividades divulgativas con obradoiros e charlas informativas sobre aves, cetáceos ou especies invasoras, os contidos dixitais e virtuais, a atención a grupos organizados ou as conferencias e iniciativas cos centros educativos, entre as que destacan a observación de especies de aves limícolas e anátidas tanto en paso como invernantes.