Pancho de la Barrera, un bombeiro vilagarcián que loita contra o cancro infantil cos seus bonecos viaxeiros
Por María José Pita
"Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo". Esta coñecida frase que se atribúe a Eduardo Galeano ben pode definir o labor de Pancho de la Barrera cos seus tres axudantes Roque, Lucas e Saioa. O empeño deste bombeiro vilagarcián para recadar fondos que axuden na investigación e tratamento do cancro infantil empezou en 2019 cun proxecto modesto que creceu ata converterse en tres programas diferentes que xa contan con centos de seguidores.
Empecemos polo final, Pancho. Hai tan só tres días remataches o último reto solidario.
- O último que fixen foi o Camiño de Santiago Inglés para a iniciativa que se chama "Viajando con Roque contra el cáncer infantil". Consiste en facer unha viaxe levando a un boneco baby pelón que se chama Roque, e todos os días vas facendo fotos en distintos sitios de interese e unha pequena crónica. Temos unha páxina de Facebook e aí imos colgando cada día as fotos e a crónica diaria que a xente nos manda, así se pode ir seguindo a viaxe de Roque. Esta semana pasada fixen o Camiño Inglés, dende Ferrol a Santiago que son 112 quilómetros e durante os 4 días fun colgando fotos e explicando a viaxe.
E como foi a acollida por parte dos seguidores?
- A iniciativa empezara en setembro pero a raíz de facer o Camiño de Santiago tivo unha maior repercusión e xa teño unha lista de xente que se vai levar a Roque. Unhas mozas de Vimianzo vano levar a facer o Camiño Inglés dende Coruña en maio, outra pola zona de Caldas de Reis e Cambados e en agosto vaino levar outra moza para facer unha viaxe en moto desde Betanzos a Istambul. Calquera que queira participar neste reto, que é para recadar fondos para a Unidade CRIS de Investigación e Terapias Avanzadas en Cancro Infantil do Hospital A Paz de Madrid, pode unirse.
A xente pídeche a Roque para levalo de viaxe pero, como se transforma esta acción en diñeiro para loitar contra o cancro infantil?
- Cada persoa só ten que levar ao boneco e difundir a iniciativa entre familiares, amizades, redes sociais e o máis que poida para que esas persoas se animen a facer un donativo a través dunha páxina que ten a Fundación CRIS contra o Cancro. No enderezo www.criscancer.org/ganaralcancer/retos aparécenche diferentes iniciativas, elixes o reto "Viajando con Roque contra el cáncer infantil" e fas a achega da cantidade que consideres.
Entendo que entón non é casual que Roque sexa un boneco dos que distribúe a Fundación Juegaterapia, que tamén ten proxectos de apoio a través do xogo a nenos hospitalizados con cancro.
- Os baby pelones, que así é como os chaman, elixinos porque son bonecos que non son moi grandes, pódense transportar con comodidade e representan aos nenos que padecen cancro, co seu paniño na cabeza, e que son os mesmos nenos que impulsan o noso proxecto.
O baby pelón que escolliches para Roque é un deseño da actriz Paula Echevarría.
- Si, pero non o elixín porque o deseñase ela senón porque era un boneco moi alegre, coas cores do pano e os ollos grandes. Vin outro deseñado por Alejandro Sanz e chamoume a atención, pero como tiña os ollos pechados non me gustaba nada (risas).
Como decidiches crear estes retos solidarios?
- A primeira vez que fixen unha acción solidaria foi en 2018 para a Fundación ANAR que axuda a nenos e adolescentes en situación de risco. E cheguei a ANAR porque ten un teléfono de axuda ás familias e no meu caso, con motivo da miña separación, recorrín a eles, vin o trato super profesional que teñen e quixen axudalos, así que fixen o Camiño de Santiago Francés para recadar fondos. Saíu ben e fixen outro reto solidario desde Lisboa para Aldeas Infantiles e a partir de aí xurdiu o de Lucas e o contacto co cancro infantil.
Como foi o primeiro paso no teu compromiso co cancro infantil?
- Foi máis unha casualidade. Fun a unha titoría coa profesora do meu fillo e no medio da charla comenteille que estaba a facer os retos solidarios para a Fundación ANAR e ela animoume a facer un reto polo cancro infantil. Ao chegar a casa, comenteillo ao meu fillo e pensamos como facelo, compramos o baby pelón porque simboliza aos nenos que estamos a axudar. Primeiro estivo en Vilagarcía e a partir de aí non pensamos que tivese tal repercusión, porque se foi a Ferrol e de aí a unha familia de Navarra.
Lucas é o nome do boneco co que empezaches estas viaxes.
- Ese primeiro boneco é ao que chamamos Lucas. Agora "El viaje de Lucas contra el cáncer infantil" tamén ten páxina de Facebook e sorprendeume que unha das primeiras persoas que mo pediu fose unha familia de Elgorriaga en Navarra. Mirei en Internet e vin que era unha vila de só 200 habitantes. Mandeino para alí e de 200 habitantes participaron un total de 50 familias, mesmo cando se foi da vila fixeron unha festa de despedida e o Concello nun Pleno aprobou unha achega para a causa. Esta familia está a movelo pola zona e xa chegou a 14 lugares sobre todo no Val do Batzan, que é onde está Elgorriaga.
A Lucas e a Roque xurdiulles unha irmá, Saioa. Cal é a súa historia?
- Pois tamén foi casual. Un día desde a Fundación CRIS contra o Cancro fixéronme a típica chamada para conseguir socios. Entón eu comenteilles que tiña a iniciativa de Lucas, que foi a primeira, e propúxenlles se querían que fixese algo similar con eles. E así foi como xurdiu "El viaje de Saioa contra el cáncer infantil". Despois conteillo a esta familia que che comentaba de Elgorriaga, a que pediu a Lucas. Eles teñen unha filla que superou un cancro infantil e implicáronse tanto porque saben o que é non só a enfermidade senón os gastos de desprazarse a vivir a outra cidade, no seu caso Valencia, que non todas as familias poden afrontalo. Así que lle pedín á nena que elixise o baby pelón que máis lle gustase para a campaña e lle puxese o nome que quixese. Eu imaxinábame que a ía a chamar Maitane, que é o seu nome, e sorprendeume cando me dixo Saioa, porque así se chama a súa mellor amiga, que aínda que era só unha nena, estivo sempre ao seu lado cando enfermou.
Con Lucas recadas fondos para a Federación Española de Pais de Nenos con Cancro, que reúne a 21 asociacións, e con Roque e Saioa para a Fundación CRIS contra o Cancro. Con Saioa como se organiza o proxecto?
- Funciona igual que Lucas, viaxa de familia en familia, que achega 5 euros e tamén ten a súa páxina de Facebook. Curiosamente, esta boneca foi a máis internacional porque en novembro pediuma unha moza de Navarra que se foi aos campos de refuxiados saharauís porque ten un neno adoptado con problemas de visión e vai todos os anos a visitar á súa familia biolóxica e alí estivo 9 días, despois pasou a unha familia de Málaga, a outra de Xerez, a Galicia e agora en Navarra, pero coa pandemia de momento non se vai a mover de aí.
Á espera de que as medidas sanitarias permitan que os bonecos poidan facer viaxes máis longas, Pancho xa nos adianta que ten en proxecto unha cuarta iniciativa. Neste caso será coa Asociación Xoán XXIII, coa que leva anos colaborando a título persoal e que proximamente se incorporará aos retos solidarios cunha boneca diferente para a que xa están a confeccionar o vestiario. Con esta nova iniciativa espera reunir fondos para dotar de material á residencia de longa estancia e centro de día para persoas con discapacidade intelectual que a Asociación construíu xunto á súa sede de Pontevedra.