38 aspirantes para tres prazas de oficiais condutores no Concello de Poio
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) publicou este mércores, 14 de abril, o listado provisional de persoas admitidas para aspirar ás tres prazas de oficial condutor que oferta o Concello de Poio, a través do departamento de Persoal, para reforzar esta área. Tal e como lembra o seu máximo responsable, o nacionalista Xosé Luís Martínez, trátanse de tres vacantes que forman parte da Oferta de Emprego de 2017.
Deste xeito, continúase co proceso aberto xa hai meses para dispor destes traballadores, logo do anuncio inicial realizado a finais do pasado mes de outubro sobre o inicio desta convocatoria. Estas prazas cubriranse a través do sistema de oposición en quenda libre.
Un total de 38 persoas participaron nesta primeira fase, das cales 32 foron admitidas de xeito inicial.
O concelleiro de Persoal explica que, unha vez realizado o correspondente anuncio no Boppo, establécese agora un período de dez días hábiles para que os aspirantes que foron excluídos presenten os recursos correspondentes, se así o consideran oportuno. En caso de que non se rexistre ningunha reclamación, a listaxe quedará aprobada de xeito definitivo unha vez expirado este tempo, continuándose co proceso.
Deste xeito, o Concello de Poio continúa reforzando o seu persoal fixo, unha aposta que se vense consolidando especialmente desde hai uns anos, coa oferta de prazas para desenvolver tarefas en diferentes departamentos.
28 CONTRATOS
Ademais, Martínez Blanco lembra que desde o 15 de abril se incorporarán máis reforzos, de xeito temporal, contratados a través da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Tratáse de 11 operarios que reforzarán o departamento de Obras e Servizos Municipais.
Entre as tarefas a desenvolver, figuran a rehabilitación das rutas de sendeirismo e paseos que existen na vila ou limpeza de camiños e pistas, así como o mantemento de praias. Todos eles contarán cun contrato dunha duración de oito meses.
En total, estas contratacións temporais servirán para incorporar a un total de 28 persoas en situación de desemprego, cun investimento próximo aos 235.000 euros, sinala Xosé Luís Martínez.