María Ramallo pide á poboación xuvenil que participe no cribado nas farmacias
Por Redacción
María Ramallo, alcaldesa de Marín fai un chamamento á participación da mocidade nos cribados masivos que están en marcha nas farmacias da vila. É unha das principais medidas que pide á poboación ante a subida a nivel medio que decretou o comité clínico para o municipio.
"É un toque de atención. Estamos a subir lento pero continuado e por iso non podemos baixar a garda e temos que cumprir con todo o que nos vaian indicando as autoridades sanitarias", sinala a rexedora.
Lembrou que dez farmacias de Marín realizan os test de saliva entre residentes que conten con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos, coa posibilidade de desenvolver ata preto de 200 probas diarias. A alcaldesa apunta a que nesta franxa de idade detéctanse asintomáticos e por este motivo quere que con este cribado poida frearse posibles contaxios en familias e nos centros educativos.
No caso dos menores de 15 anos deben realizalo con consentimento dos seus pais ou titores legais. Tras entregar a saliva, ao cabo de dous días, a farmacia comunica o resultado á persoa que realizou a proba.
AXUDAS Á HOSTALERÍA
Por outra banda, o Concello destina 96.000 euros de fondos municipais para reforzar as axudas concedidas pola Xunta para a hostalería. En concreto, 96 establecementos sumáronse ao segundo plan de rescate da Xunta para estes locais.
Nestes casos, ingresaránselles mil euros dos fondos municipais, ademais da axuda que lle achegue o Goberno galego. Segundo explica a alcaldesa, esta cantidade será entregada sen necesidade de que realicen algunha outra tramitación administrativa, unha vez que se atopen adheridos ao plan establecido pola Xunta de Galicia.
ARRANXO DE MARQUESIÑAS
Por último, integrantes da Fundación Juan XXIII están a desenvolver labores, segundo o Concello de Marín, para poñer a punto as marquesiñas situadas en diversos puntos da vila coa intención de que melloren o seu aspecto e as súas estruturas para os meses de verán.
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Marín, en corentena familiar polo positivo dun dos seus fillos
Por Redacción |
-
O Sergas realizará un cribado entre os marinenses de 50 a 64 anos
Por Redacción |
-
Mellora a situación na Illa, que pasa de nivel alto a medio, mentres O Grove segue coas restricións máximas
Por Natalia Puga |
-
O Grove mantense no nivel máximo de restricións e crece a preocupación en Marín, en nivel medio
Por Natalia Puga |
-
Comeza a actividade nos furanchos de Marín con cuatro establecimientos con licenza
Por Redacción |