A Defensora del Pueblo rexeita a solicitude da APDR de recorrer a Lei de Costas
Por Oskar Viéitez
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) ven de recibir a resposta da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, á súa solicitude de interposición de recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Costas, un recurso que o colectivo ecoloxista motivaba no que atinxe á posibilidade de que as concesións que caducan no 2018 puideran prorrogarse por un prazo de ata 75 anos.
Segundo informa, Antón Masa, presidente da APDR, na súa resolución a Defensora del Pueblo di "compartir o sentir da APDR cando denuncia os medos a unha posíbel desprotección da costa" polo risco que puidera supor unha mala aplicación do novo texto legal, e mesmo afirma, dí Antón Masa "que comparte con nós o feito de que unha concesión por 75 anos no dominio público marítimo-terrestre ten o aspecto dunha privatización, pero non só de facto, senón tamén de iure".
Masa asegura que Soledad Becerril tamén lles ten expresado "o seu medo a que, apoiándose no texto da nova Lei de Costas, se poida buscar a desprotección do litoral coa xenérica xustificación do desenvolvemento económico".
Para a Defensora del Pueblo, sería "preocupante" que a cidadanía poida quedar impedida do acceso ao dominio público litoral ou que este quede "seriamente obstaculizado" por novas ocupacións e usos ou pola "prórroga desmedida" dos prazos de ocupación, unha posibilidade que relaciona cos "beneficios" outorgados agora aos ocupantes de zonas litorais e a quen realizan usos que nada teñen de sustentábeis se están implantados na costa, unha referencia de que Antón Masa entende que é de "evidente aplicación ao complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán".
Remata o seu escrito Soledad Becerril apuntando que a situación aconsella propiciar un cambio normativo e que trasladará ao Ministro de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente unhas "recomendacións" relativas á protección da costa, dando coñecemento ao público do resultado das mesmas.