O ximnasio da Once estará operativo a mediados de maio
Por Redacción
A Concellería de Deportes de Pontevedra prevé que o pavillón da Once no barrio de Campolongo reabra as súas portas no prazo dun mes, cara mediados de maio, tras os traballos de rehabilitación e reforma executados pola empresa Construcciones Ramírez.
Así o anunciaba o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante unha visita ao antigo ximnasio para supervisar a boa marcha das actuacións.
Neste percorrido estivo acompañado, ademais de polo xefe da Oficina Técnica de Arquitectura (OTA), Ángel Velando, e de diversos responsables da firma adxudicataria, por representantes dos clubs que farán un uso prioritario das instalacións. Neste caso, Miguel Cortegoso, do Taekwondo Mace Sport, e Adrián Cubela, da Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra.
O proxecto de rehabilitación permitiu a eliminación dos problemas de humidade e condensación que presentaba o edificio do vello pavillón da Once, converténdoo nun espazo eficiente a nivel enerxético e óptimo para os adestramentos. Tal e como lembrou Tino Fernández, a actuación supuxo un investimento de 448.636,94 euros, cofinanciados cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Administración Local a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’.
"A este orzamento hai que engadirlles, como actuación complementaria non recollida no proxecto inicial, outros 15.000 euros destinados a dotar ao ximnasio dunha tarima de madeira con alta capacidade de absorción de impactos para os tatamis de taekwondo e as pistas de esgrima", explicou o edil.
O tenente de alcalde constatou que "a falta de pequenos detalles, dun material que ten que chegar de Israel e da dotación do novo pavimento, as obras están case rematadas e agardamos que o renovado ximnasio poida comezar a empregarse cara mediados de maio e, en todo caso, antes do verán".
As obras inclúen labores de mantemento e pintado, a substitución do teito da pista deportiva por un falso teito continuo de taboleiros ignífugos, o revestimento do teito da entrada suroeste con táboas de madeira, a instalación dun xerador de auga quente mediante enerxía solar e a dotación dunha unidade de tratamento de aire (UTA) para a climatización, ventilación e control da humidade do aire na pista polideportiva. O resto das estancias levarán un sistema de calefacción por radiadores alimentados por unha caldeira centralizada de gas natural de condensación. A distribución de calefacción a radiadores realizarase mediante un circuíto diferenciado que dará servizo ás plantas baixa e superior.
Relacionadas:
-
O renovado pavillón da ONCE convértese no centro de operacións do taekwondo e a esgrima
Por Manu Otero |
-
Atrásase o final das obras de Loureiro Crespo e do antigo ximnasio da ONCE
Por Oskar Viéitez |
-
O antigo ximnasio da ONCE contará cunha tarima de madeira con alta capacidade de absorción
Por Redacción |