A Deputación entrega os seus premios ao emprendemento nas aulas
Por Redacción
Este mércores celebrábase no Salón de Actos da Deputación a xornada DemoDay, na que o alumnado participante na cuarta edición do programa DepoEmprende presentaba os seus proxectos. Os premios recaeron nun traballo desenvolvido na aula polos estudantes do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra na modalidade de ciclos de Grao Medio e dúas propostas do alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo no caso da categoría de Ciclo de Grao Superior.
O proxecto gañador na categoría de Ciclos de Grao Medio, dotado con 700 euros, foi presentado por alumnado de Panadería, Repostaría e Confeitaría do CIFP Carlos Oroza e leva por título Xílgara. Trátase dunha elaboración de doces tradicionais e souvenirs para distribuír en cadeas hoteleiras, tendas gourmet e restaurantes.
A iniciativa gañadora na categoría de Ciclo de Grao Superior, que obtén un primeiro premio de 700 euros, foi a titulada Capptus, de alumnado do ciclo de Axencias e Organización de Eventos do CIFP Manuel Antonio e que consiste nun software especializado para axencias de viaxes minoristas. O segundo premio, de 500 euros, foi a parar á proposta de estudantes de Patronaxe e Moda deste mesmo centro, que presentaron unha marca de roupa sostible baixo a firma de Paloma Ugarte.
No acto de entrega, a presidenta provincial Carmela Silva subliñou a calidade de todas as propostas presentadas. "Cada ano sorpréndeme este programa porque tomo conciencia de canto talento ten a nosa mocidade, que ten a capacidade de crear e poñer enriba da mesa novas respostas a novos retos", sinalaba a presidenta.
"Son proxectos marabillosos e dáme moito optimismo ver a unha mocidade tan potente. Que non vos diga ninguén que as mocidades doutros tempos eran mellores. É absolutamente falso. Cada xeración é mellor que a anterior e iso vese nestas propostas marabillosas que presentades, innovadoras, diferentes, que dan resposta ás cousas", engadía Carmela Silva.
Neste curso 2020-2021 en DepoEmprende na FP participaron 6 centros de formación profesional da provincia e 225 estudantes, que chegaron a traballar nun centenar de proxectos. E desde a posta en marcha deste programa da institución provincial, no ano 2016, teñen participado 29 centros e 719 alumnos e alumnas.
PROXECTOS INCLUSIVOS E SOSTIBLES
Nesta xornada DemoDay os participantes nos nove proxectos presentados ao concurso por parte de cinco centros da provincia deron a coñecer as súas propostas, todas elas inclusivas, respectuosas co medio ambiente e de fomento da actividade física, no acto celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial.
No que atinxe aos proxectos de Ciclo de Grao Superior, amais das iniciativas vencedoras, o alumnado do Ciclo de Administración e Finanzas do IES Johan Carballeira de Bueu, amosou a súa proposta BeltosBarf. Tamén desde este centro e o mesmo ciclo presentouse o proxecto Autocares Fariña.
Desde o Ciclo de Desenvolvemento de Aplicación Multiplataforma do CPR Daniel Castelao de Vigo amosaron a súa inicitiva Rigabat.
O alumnado do Ciclo de Xestión de Aloxamentos Turísticos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra presentou Roof Garden.
Na categoría de Ciclo de Grao Medio, amais da proposta gañadora, no acto presentáronse outras dúas desde o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar. Estudantes de Condución de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural deron a coñecer unha cadeira de rodas eléctrica adaptada para realizar actividades deportivas ao aire libre, así como outro proxecto para levar a cabo unha serie de rutas a cabalo no medio natural do Courel.
Relacionadas:
-
Preto de 800 estudantes de 28 centros da provincia participarán no programa DepoEmprende
Por Redacción |
-
A Deputación impulsa a sexta edición do programa 'Depoemprende na Escola'
Por Redacción |
-
Estudantes de 21 centros escolares da provincia participan en Depoemprende 2021
Por Redacción |
-
O CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo, premios Demo day de "Depoemprende na FP"
Por Redacción |
-
Dez cooperativas de oito centros de educación secundaria participan en "DepoEmprende na ESO"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Un proxecto do IES Johan Carballeira, premiado no certame Depoemprende
Por Oskar Viéitez |