300 euros e dous puntos do carné ao ser detectado polo Velolaser a 62 km/h nunha zona limitada a 30
Por Redacción
A primeira xornada da campaña que a Policía Local de Pontevedra desenvolverá ao longo dunha semana para realizar controis de velocidade en distintas vías do municipio saldábase con 500 vehículos controlados e cinco denuncias por superar o límite de 30 km/hora.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, durante este martes 13 no primeiro control realizado na Avenida Bos Aires detectábase a un vehículo que circulaba a 62 km/ h nunha vía que ten a limitación establecida en 30 km/ h. O condutor foi denunciado e exponse a unha sanción de 300 euros e a perda de dous puntos do permiso de circulación.
Durante ese control realizado co Velolaser a primeiras horas da tarde controláronse 100 vehículos e os axentes só tramitaron esa denuncia.
Ás 19.30 horas, establecíase un segundo operativo na Avenida Corbaceiras e neste caso realizouse un control sobre 400 vehículos. O número de denuncias incrementouse a catro. Tres delas por circular a 52 km/ h e outra por alcanzar o 54 km/ h. cando, tamén neste caso, o límite neste traxecto atópase en 30 km/ h. A sanción á que se expoñen estes condutores é de 200 euros pero non se lles retiran puntos do carné de conducir.
A campaña co radar Velolaser que leva a cabo a Xefatura da Policía Local para controlar o exceso de velocidade na circulación continuará ata o vindeiro martes 20 de abril en distintas vías do municipio pontevedrés.
Relacionadas:
-
O Velolaser, á caza de acelerados a partir deste martes 13
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A Policía Local de Pontevedra inicia unha campaña de control de velocidade
Por Oskar Viéitez |
-
Un de cada cen vehículos rexistrados polo radar da Policía Local foi multado por velocidade
Por Alejandro Espiño |