VÍDEO.- Pontevedra estreará este verán o seu centro social número 31
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra ten uns 30 centros sociais. A última parroquia en estrear o seu foi a da Canicouva e a seguinte será a de Mourente, trátase da que se abrirá na antiga escola dos Campos.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou este xoves a obra do que será o núcleo de centralidade dos Campos, incluíndo a conexión de Monte Porreiro co centro urbano de Pontevedra a través do vial de Tafisa e a rehabilitación da vella escola infantil dos Campos que, tras a súa reforma, será un centro social e a nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo. É unha actuación global que supera os 2,4 millóns de euros.
A obra do local social, adxudicada á empresa Prace por 471.248 euros, está practicamente rematada "faltan algúns flecos" pero poderá estrearse "en xuño, a inicios de verán, como moito en xullo debería estar todo rematado para a súa inauguración".
A remodelación iniciouse o pasado mes de xuño e o prazo de execución era de cinco meses. Os traballos acumularon certo atraso pola modificación do proxecto orixinal "houbo que facer un reformado porque tiña problemas de estrutura que non se coñecían ata que se empezou a obra". Ademais a pandemia da covid-19 tamén condicionou a execución do proxecto redactado polo arquitecto Mauro Lomba.
O alcalde mostrou a súa "satisfacción" polo resultado deste "cambio substancial" do vello edificio "que estaba deixado da man de Deus" e que agora ten "unha calidade excepcional" que se reflicte nos seus 263 metros cadrados de superficie construída.
Trátase, resumiu Fernández Lores, "dunha recuperación respectando o existente pero, ao mesmo tempo, engadíndolle todos os adiantos que a tecnoloxía e os novos materiais de construción permiten".
O proxecto está deseñado para que nas novas instalacións póidanse facer distintas actividades como cociña, conferencias ou exposicións e tamén hai unha dotación de oficinas e almacén, e un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con el cun corredor acristalado.
O edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre, xa que tamén se está acondicionando a contorna.
Lores recoñeceu que a actividade da asociación de veciños dos Campos animou ao concello a acometer esta actuación cun "investimento importante". Precisamente, o presidente da asociación Raimundo Argibay incidiu en que estes equipamentos "cambian por completo a vida da xente da parroquia" e expresou o seu desexo de encher de contido e actividade ao novo edificio. "É un soño feito realidade e temos que dar grazas", engadiu.
Relacionadas:
-
Aprobada a estratexia para o desenvolvemento da economía rural en Pontevedra e Morrazo
Por Redacción |
-
Este martes ponse en marcha o Centro Social dos Campos con máis de douscentos socios
Por Redacción |
-
Aberto o novo vial entre Tafisa e Os Campos, primeiro paso para reducir o tráfico no paseo polo río a Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A urbanización dos Campos incluirá algúns cambios a petición da veciñanza
Por Redacción |
-
O núcleo de centralidade dos Campos empeza a tomar forma coa vista posta en final de ano
Por Redacción |