O PSdeG e Podemos esixen responsabilidades pola contaminación por mercurio
Por Oskar Viéitez
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego "que asuma responsabilidades políticas por ter agochado durante un mes o informe emitido por Ence que evidencia os altos niveis de contaminación por mercurio provocados polo desmantelamento de Elnosa". Pola súa banda Unidas Podemos insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a intervir para determinar as responsabilidades dos verquidos tóxicos.
No caso da responsable socialista, Paloma Castro lembra que o plan de desmantelamento da antiga filial de Ence foi aprobado polo goberno da Xunta en 2020, que "fixou os criterios e condicións" da actuación "dende o punto de vista da análise do risco de contaminación".
Denuncia que o goberno galego esta a "quitarlle importancia" a un informe que alerta da presenza de mercurio nas augas subterráneas do entorno da pasteira e das posibles consecuencias sobre a poboación.
Sinala que o proceso de desmantelamento está a facer que o material tóxico, empregado por Ence durante tres décadas no proceso de fabricación de cloro para branquear papel, supón un "risco sobre a saúde dos traballadores e as traballadoras de Ence, así como sobre os veciños e veciñas, ademais de afectar á salubridade dos produtos de pescado e marisco que se extraen das augas da contorna".
Castro esíxelle á Xunta que clarifique se continúa avalando o proxecto de descontaminación e desmantelamento de Elnosa, e pregunta tamén polas medidas de contención adoptadas para evitar a afección ao solo colindante e ás augas subterráneas e tamén queren saber "como xustifican o aumento progresivo dos índices de mercurio na zona, que superan con moito os dos últimos dez anos".
Pregunta tamén "como poden manter a afirmación de que a presencia dun elemento no solo nunha concentración superior ao nivel xeral de referencia non ten por que supor un problema".
E por último, reclámalles que expliquen "ata que punto considera realmente preocupante o impacto da contaminación por mercurio tanto nos traballadores de Ence como na veciñanza e a produción pesqueira e marisqueira da ría".
PODEMOS
"A intricada connivencia da Xunta do PP de Feijóo con Ence está a pór en risco severo a saúde das galegas e dos galegos", con estas palabras denunciaba este xoves no Congreso o deputado Antón Gómez Reino as "verteduras tóxicas por mercurio á ría de Pontevedra" e instaba ao Goberno a intervir con urxencia para esclarecer os feitos e determinar as responsabilidades por este "grave episodio ambiental na ría de Pontevedra que tería efectos graves sobre a sáude de veciñas e traballadores".
O grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de rexistrar este xoves una iniciativa parlamentar para instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a intervir de inmediato no esclarecemento dos feitos a fin de determinar as responsabilidades tanto da Xunta de Galicia como de Ence nos verquidos.
"Os verquidos tóxicos de Elnosa son responsabilidade de Ence", sinalou Gómez Reino. "Ence foi quen a deseñou e utilizou durante anos a súa actividade productiva. Feijóo, unha vez máis, antepón os intereses privados dunha empresa por enriba da protección ambiental e a saúde dos galegos e galegas", lamentou o deputado.
Relacionadas:
-
A APDR denuncia que "a responsabilidade de ENCE na contaminación do solo por mercurio é evidente"
Por Redacción |
-
O Concello pide á Xunta que se verifiquen os niveis de mercurio na contorna de Ence-Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Ence nega que a presenza de mercurio se deba á súa actividade
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta defende que os niveis de mercurio detectados en Lourizán "agora mesmo non superan os límites establecidos"
Por Diego Espiño |
-
O alcalde pregunta á Xunta que fará respecto á contaminación por mercurio en Ence-Elnosa
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
ENCE alerta nun informe interno de verteduras de mercurio á ría procedentes do desmantelamento de Elnosa
Por Redacción |