A antiga Casa do Mar acollerá o novo posto de atención á cidadanía da Garda Civil
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, desprazábase este xoves ata Bueu para manter un encontro co alcalde Félix Juncal e co coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal.
Durante esta reunión concretábanse os detalles da instalación dun posto da Garda Civil de atención á cidadanía neste municipio. Está previsto que se instale no local cedido polo Concello de Bueu na antiga Casa do Mar, un edificio que actualmente tamén acolle as instalacións da Policía Local.
Félix Juncal comprometíase durante o encontro para adecuar esas dependencias antes do inicio do verán para que poida instalarse este servizo da Garda Civil. A intención da subdelegada do Goberno é que poida estar en activo precisamente durante este verán, meses nos que o concello rexistra unha importante actividade turística e un incremento da poboación.
Ata o momento este servizo era prestado polos postos de Moaña e Marín para garantir a seguridade na vila, que carecía deste posto.
Con este acordo, Maica Larriba mostrábase satisfeita e destacou o importante labor que desenvolven os axentes da Guara Civil en tarefas de control e prevención durante a crise sanitaria.