Rematan as obras do comedor escolar do CEIP San Tomé de Cambados
Por Redacción
O CEIP San Tomé de Cambados xa conta cun novo comedor escolar, unha vez rematadas as obras nas que se investiron preto de 100.000 euros e que permitiron dotar ao centro dunhas instalacións con espazo suficiente e equipamento para ofrecer este servizo.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegábase este xoves ata o centro escolar xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para supervisar unhas obras consistentes na conversión da antiga vivenda do conserxe e un espazo do patio cuberto existente nun recinto de 200 m² que alberga, ademais do comedor, unha dependencia de atención educativa, aseos accesibles para persoas con discapacidade e un local para a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa).
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade informaba de que o remate desta obra é posible grazas a que a Consellería asumiu integramente o investimento final, cifrado en 82.000 euros, para a execución completa deste servizo, xa que o convenio entre a Xunta e o Concello de Cambados, que fixaba o financiamento ao 50%, extinguiuse o pasado 31 de decembro e a Administración local non aceptou a súa prórroga, recollida no acordo, malia que o único atraso que se produciu, duns 20 días, debeuse á entrega do proxecto de obra, que era unha cuestión municipal.
Engade a Consellería de Educación que o Concello só participou na primeira certificación da obra, correspondente co mes de decembro, asumindo a metade do seu custo, cifrado en 9.425 euros, polo que o importe restante, de máis de 90.000 euros, foi sufragado polo Goberno galego.
Neste sentido, o delegado territorial Luis López, manifestaba que "para a Xunta de Galicia o importante son as nenas, os nenos e as familias de Cambados e por iso, malia que a nosa actuación foi dilixente e eficaz, decidimos acometer a obra para non prexudicalos, porque temos un compromiso cos cidadáns e coa educación pública que trascende calquera situación como a que se produciu".
López tamén lembrou que a Xunta investiu máis de 335.000 euros neste colexio cambadés nos últimos anos en obras de gran calado, entre as que se inclúe a reparación da cuberta, e outros 40.000 euros máis nas denominadas obras menores en fiestras, aseos, arranxos ou informatización, entre outras.
Relacionadas:
-
O xerente do Sergas supervisa as melloras implantadas no centro de saúde de Cambados
Por Redacción |
-
Comezo inminente das obras de rehabilitación integral do IES Ramón Cabanillas
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP San Tomé de Cambados comproban como nace unha miñoca e o seu labor para crear compost
Por Redacción |