Sae a licitación a xestión do servizo de Axuda no Fogar por 4,5 millóns de euros
Por Redacción
Por unha cantidade de 4.543.666 euros, o organismo Terra de Sanxenxo sacou a licitación a xestión do servizo de Axuda no Hogar (SAF). Segundo sinalan desde o goberno local que preside Telmo Martín, con esta oferta quérese atender á actual demanda deste servizo de atención que cobre a 57 persoas usuarias e que conta con 58 familias en lista de espera.
Desde o Concello entenden que a empresa que se faga cargo reducirá a cero esa lista de espera. O contrato terá unha duración de dous anos coa posibilidade de que se prolongue con dúas prórrogas dun ano cada unha. Contémplanse importantes melloras de equipamento e servizo, segundo o goberno municipal.
No prego de condicións establécense criterios de evaluación sobre axudas técnicas como dez guindastres de mobilización, dez cadeiras de ducha, dez cadeiras de bañeira e outra decena de camas articuladas.
O servizo actualmente só dispón de cinco guindastres e dúas camas para uso exclusivo das persoas usuarias. Unha vez adxudicado, estes elementos pasarán a estar ao dispor de quen o requira debido á súa situación sanitaria.
Tamén se inclúe nas melloras unha bolsa de horas anuais de servizo extra con 300 horas e un servizo de limpeza e hixiene de carácter urxente e especial en domicilios particulares.
Está previsto puntuar favorablemente a aquelas empresas que opten á licitación e presenten atención de podoloxía, rehabilitación terapéutica, actividades de formación a familias e persoas coidadoras, sexan ou non beneficiarias do SAF, e outras actividades que se atopen relacionadas á atención socioeducativa.
Actualmente, o equipo de traballo deste servizo está formado por 22 auxiliares, que serán subrogadas pola empresa á que se adxudique a concesión.
Desde o goberno local defenden este cambio de modelo sinalando que o sistema de xestión indirecta funciona xa noutros 26 concellos da provincia como O Grove, Poio, Cambados, Meis ou Pontevedra e a experiencia noutros servizos como as escolas infantís demostra bos resultados no funcionamento.
Relacionadas:
-
Aumentan as horas en Sanxenxo do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
O PSOE pide responsabilidades en Sanxenxo pola "mala xestión" da contratación de persoal"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo destina ao SAF o material de protección recibido da Xunta
Por Redacción |
-
A oposición solicita un pleno extraordinaria ante as pretensións de Telmo Martín de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |