A Deputación lanza novas axudas aos concellos para contratar mestres compostadores
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres en Xunta de Goberno a terceira liña de axudas para subvencionar a contratación de mestres compostadores por parte dos 'Concellos Revitaliza'.
Este persoal pasará a formar parte do plantel de traballadores municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuais, e atendendo á cidadanía.
Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda.
Nesta ocasión, e tras as consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novos mestres compostadores.
Os postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar ás persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal Revitaliza, mais se é preciso, convocarase un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra bolsa de emprego.
Os concellos que soliciten as axudas para contratar mestres compostadores recibirán un número máximo de traballadores (entre 1 e 4) que se determinará en función da experiencia acumulada no tratamento de residuos orgánicos (ata 60 puntos) -presentando un proxecto de actuación- e da posibilidade de acadar o tratamento progresivo do 100% da materia orgánica. A valoración farase por medio dunha comisión de expertos.
Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100% das retribucións dos mestres compostadores o primeiro ano (12 meses). Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129,90 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50% do custe laboral e o terceiro ano do 30%.
O prazo para presentar as solicitudes dos concellos será de 15 días a contar dende o día seguinte á publicación das bases e do extracto no BOPPO.
Na actualidade son un total de 47 concellos da provincia os que están adheridos ao Revitaliza.
Relacionadas:
-
O Plan Revitaliza dará un "salto adiante" cunha nova fase centrada na parte normativa deste modelo de xestión de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Vilaboa adquire dous camións a través do Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
O goberno provincial aproba 1,5 millóns de euros para renovar infraestruturas viarias
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio mercará un milleiro de composteiros individuais
Por Redacción |
-
Separación obrigatoria do lixo e bonificación ás boas prácticas no novo servizo Revitaliza da Deputación
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Revitaliza modificará a súa ordenanza de compostaxe local
Por Redacción |
-
Novas sesións sobre compostaxe nos centros educativos
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza permite a Vilaboa mellorar as instalacións de Monte do Cabalo e renovar o parque móbil
Por Redacción |