Nauta Sanxenxo reduce as súas emisións un 90% e compensa a súa pegada de carbono
Por Redacción
A redución de CO2 por parte de Nauta Sanxenxo é unha realidade. A entidade municipal que xestiona o porto deportivo Juan Carlos I obtivo, por segundo ano consecutivo, o Certificado de Pegada de Carbono ao 100% (CGN Certificación) e reduciu un 90% as súas toneladas de emisións pasando de 184 a 19.
A pegada de carbono é o principal indicador ambiental que avalía o impacto que unha actividade xera sobre o cambio climático, facendo referencia á cantidade de gases efecto invernadoiro xera directa ou indirectamente.
É por ese mesmo motivo, que os obxectivos os centraron na redución dos consumos e a aposta por enerxías renovables. Así, o persoal de Nauta realiza todos os desprazamentos posibles pola contorna portuaria con bicicletas eléctricas para reducir o uso de combustible, a iluminación de todo o espazo conta con lámpadas de baixo consumo e renovaron os equipos eléctricos e electrónicos por uns máis eficientes e modernos.
Para as súas subministracións e equipamentos, buscan empresas que sexan respectuosas co medio ambiente e sostibles.
A empresa encargada de facer o informe calculou a pegada de carbono de Nauta en tres alcances: emisións directas dos focos da propia empresa, emisións indirectas pola enerxía procedente de redes e emisións indirectas como viaxes ou xestión de residuos. Tal é o efecto logrado pola empresa municipal que, segundo o Concello de Sanxenxo, lograron compensar ao 100% no mercado internacional de crédito de carbono.