José Ramón Piñeiro, reelexido secretario comarcal de Comisións Obreiras
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este venres, José Ramón Piñeiro saía reelixido como secretario comarcal de Comisións Obreiras durante o undécimo congreso desta central sindical, que se celebraba no Auditorio de Afundación.
Ao acto asistían 59 representantes elixidos en asembleas de afiliación das diferentes ramas da organización. A única candidatura presentada era a de José Ramón Piñeiro Piñeiro, que seguirá contando con José Luis García Pedrosa como secretario de organización. Segundo manifestaba o reelixido secretario comarcal, García Pedrosa mantén o seu compromiso coa unión comarcal onde quere continuar o seu traballo, malia ter outras ofertas dentro do sindicato.
Piñeiro Piñeiro sinalou que na nova executiva hai representantes para que, cando finalice este mandato de catro anos, poida producirse un cambio á fronte da formación. Sinalou que, en todo caso, as persoas afiliadas están contentas co labor realizado durante este período a pesar das dificultades xurdidas por mor da crise provocada pola pandemia.
Entre os retos que se presentan afirma que quere que a unión comarcal siga colaborando "de forma decidida" coa confederación en compromisos adquiridos como a esixencia da subida do salario mínimo interprofesional, a reforma laboral e a das pensións. Demandas que reclaman ao goberno central con protestas convocadas con UXT todos os días 11 de cada mes.
En canto á situación en Pontevedra, o sindicato manterá a liña de defensa do tecido industrial e en contra das políticas de PSOE e BNG porque "tentan que marchen empresas estables" e pon como exemplo a situación das desaparecidas Tafisa e Elnosa, ademais da incerteza actual de Ence. Sinala que seguirán a defender os postos de traballo da fábrica en Lourizán e que teñen confianza nunha sentenza favorable sobre a concesión da prórroga da factoría pasteira, que se atopa na Audiencia Nacional. Sostén que Pontevedra non pode ser unha cidade dormitorio nin de servizos porque, nese caso, a mocidade terá que emigrar.
José Ramón Piñeiro sinala que nestes próximos anos manterán o seu defensa dos servizos públicos ante o preocupante afán privatizador por parte dos partidos políticos cando se demostrou, segundo afirma, que nesta pandemia os servizos públicos son "absolutamente necesarios".
Actualmente, este sindicato conta con 3.500 afiliados na comarca, cun incremento superior ao 4% nos últimos tempos, unha subida que o máximo responsable atribúe ao labor de defensa que Comisións Obreiras realizou en diversos sectores para que se adoptasen as medidas sanitarias no marco laboral durante esta pandemia.
Relacionadas:
-
O Goberno comprométese a convocar ás partes implicadas para abordar o futuro dos postos de traballo de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. alerta da discriminación por sexo na empresa concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais púbicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
“Que esta pandemia non sirva para minorar os dereitos dos traballadores, senón para dignificalos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |