Unha muller esquece nun coche patrulla da Policía un neceser con 11.605 euros
Por Oskar Viéitez
Perder os cartos non é unha boa nova, pero se se dá a circunstancia o mellor é facelo nun coche patrulla da Policía.
Fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional informaron da entrega a unha cidadá da cantidade de 11.605 euros que os axentes atoparon nun dos vehículos policiais.
A explicación é sinxela, os policías atopábanse levando a cabo labores de prevención da seguridade cidadá cando observaron a presenza dunha muller deambulando de forma errática pola vía pública.
Ao achegarse á muller, os axentes observaron que o seu discurso non era moi coherente e que parecía ter as súas capacidades psicolóxicas alteradas polo que decidiron trasladala no vehículo policial ao Hospital Provincial para que a valorasen.
Ao terminar o servizo, os axentes atoparon no interior do vehículo un neceser con diñeiro dentro. Había un total de 11.605 euros e varias tarxetas bancarias que pertencían á muller á que prestaran o servizo humanitario esa tarde.