Poio informa aos colectivos locais da programación alternativa aos Maios
Por Redacción
A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, mantivo unha reunión telemática con representantes dos colectivos que habitualmente participan de xeito activo na Festa dos Maios, para informarlles das iniciativas que ten previsto desenvolver o departamento municipal.
A edil do Goberno local confirmou que o Concello descarta a organización do tradicional concurso dos maios, tal e como sucedeu en 2020, tamén por causa da pandemia. "É certo que a situación sanitaria en Poio mellorou moito nos últimos meses, pero iso non pode provocar ningún tipo de relaxación, porque o virus segue aí. Entendemos que desenvolver un certame destas características, que esixe a reunión de moitas persoas, ou calquera tipo de evento multitudinario non sería nin aconsellable nin prudente", apunta a responsable da área de Cultura.
Así mesmo, quedou descartada a opción da celebración dun concurso de carácter individual. "Consideramos que iso suporía desvirtuar o espírito desta festa, que, precisamente, fomenta valores como o traballo e a xuntanza por grupos, mediante a recollida das flores e a elaboración dos maios", indicou a concelleira nacionalista.
Na reunión telemática expuxo aos colectivos locais as alternativas que que estuda o Concello para dar continuidade á tradición festiva. A máis ambiciosa será ‘Maios á rúa’, unha campaña a través da cal se animará á veciñanza, a través das redes sociais, a que decore as fachadas e balcóns das súas vivendas con cadeas e coroas de flores recollidas en familia ou con persoas convivintes.
A maiores, apóstase por expoñer na vía pública imaxes correspondentes a edicións previas do concurso. Estas instantáneas habilitaranse en soportes publicitarios instalados ao longo da PO-308, para que teñan o maior impacto visual posible. E para poñer en valor a tradición desta festa e das persoas que a representan, tamén se editará un folleto ilustrado sobre esta temática, para repartir entre os centros educativos, así como nos locais municipais e das agrupacións.
A titular de Cultura aproveitou a reunión para agradecer a comprensión e a implicación dos colectivos á hora de adaptarse a este contexto, entre os que se atopan as asociacións Ronsel, Boureante, Armadiña, EI Saíñas, Maio Vilariño e Maio Fontenla, así como Maio Maiolo e Mare Podium.
Relacionadas:
-
Este ano a pandemia non pode co Maio
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Concello difunde a historia e peculiaridades dos maios en Poio
Por Redacción |
-
Anulan pola covid-19 a exhibición de maios e embarcacións na Alameda de Marín
Por Redacción |
-
Os nenos de Poio fan xardíns colgantes con material de refugallo para celebrar o Día da Terra
Por Redacción |
-
Poio non renuncia a quedar sen a súa Festa dos Maios e leva a celebración ás redes sociais
Por Redacción |
-
Poio aposta pola celebración da Festa dos maios en clave interactiva e dixital
Por Redacción |