Comeza o proceso para adxudicar oito vivendas de promoción pública
Por Redacción
Oito vivendas de promoción pública adxudicaranse en breve despois de que a comisión provincial de vivenda de Pontevedra iniciase o procedemento.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) rehabilita estas vivendas cun investimento de máis dun millón de euros e espérase que os traballos de reforma finalicen durante o próximo verán. O 10 de maio celebrarase o sorteo entre todas aquelas persoas anotadas este venres 16 de abril no Rexistro único de demandantes destas vivendas en Cerdedo-Cotobade.
Atópanse nun grupo integrado por dez antigas vivendas de mestres. Dúas delas xa foron rehabilitadas e adxudicadas.
Trátase de residencias de tipo unifamiliar, con dous dormitorios e compostas por unha planta baixa e un piso superior, cunha superficie útil que supera os 83 metros cadrados.