Absolven un veciño de Pontevedra para o que a Fiscalía pediu unha pena de seis anos de cárcere por unha pelexa
Por Oskar Viéitez
A Audiencia de Pontevedra absolve dun delito de lesións un veciño de Pontevedra para o que a Fiscalía pediu unha pena de seis anos de cárcere por unha suposta agresión á saída dun pub da zona monumental. O acusado Brais O.F. rexeitou o acordo que lle ofreceu o Ministerio Público antes de empezar o xuízo "yo no puedo soportar que se me culpe de algo que no hice", explicou o tribunal.
Segundo a versión dos feitos que deu este veciño durante a vista oral, aquel día se encontraba no pub "Fifty" sito na rúa Barón de Pontevedra cando outro cliente Gonzalo Adolfo O.E. iniciou unha discusión intentando agredilo cun vaso. Para evitar ser golpeado, Brais agarrou polo brazo a Gonzalo. Durante ese forcexo acudiron varias persoas para separar os contendentes, entre outros o dono do local e un camareiro, que a empuxóns lograron botar a Gonzalo do pub, quedando Brais no seu interior.
O acusado insistiu que en ningún momento lle propinou puñazo ningún como si sostivo o supostamente agredido, quen recoñeceu ademais que aquela madrugada do día 3 de decembro do ano 2010, se encontraba moi bebido e que tras ser expulsado do pub caeu na rúa. O dono do pub e o camareiro testificaron que Gonzalo estaba aquela noite moi agresivo e que provocou a pelexa intentando agredir co vaso, asegurando que en ningún momento viron o puñazo que apuntaba a acusación.
Como recolle a sentenza, durante o xuízo "non quedou acreditado nin o mecanismo causal das lesións nin a intervención do acusado na produción destas". "A única proba de contido incriminatorio susceptible de demostrar a autoría do acusado vén constituída pola declaración do lesionado", non obstante neste caso a Sala considera "insuficiente para a emisión de sentenza condenatoria". Por varias razóns engade, entre outras: non hai "ningunha denuncia inicial existe en momento inmediatamente posterior á presunta comisión dos feitos". Gonzalo presentou denuncia por aqueles feitos dous meses e medio despois da liorta.
Ademais a declaración durante o xuízo da dentista que atendeu ao supostamente agredido "compromete a verosimilitude" da súa acusación xa que lle faltaban outros dous dentes antes daquel suceso e tamén sinalou que a perda dos dentes era perfectamente compatible co traumatismo producido por unha caída.
O fiscal ademais de considerar que estes feitos eran constitutivos dun delito de lesións polo que pediu unha pena de seis anos de prisión, solicitou que Brais indemnizase ao supostamente agredido na cantidade de 700 euros polas lesións e 9.760 euros pola reparación da dentadura.
O tribunal deu a razón ao avogado da defensa sentenciando a libre absolución.
Esta sentenza non é firme porque cabe interpoñer recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo. O avogado da defensa apuntou que mesmo existe base abondo como para denunciar o supostamente agredido por falso testemuño.