Faunos entre mariscos e seres de fantasía pola cidade: impactantes imaxes para promocionar Pontevedra en Fitur
Por Cristina Saiz & Redacción
O casco histórico de Pontevedra encheuse na mañá deste sábado de seres extraordinarios, faunos e criaturas de fantasía que percorreron o mercado municipal, as prazas máis emblemáticas, o Campillo de Santa María ou os Soportais e chamaron a atención dos viandantes. Ninguén quedou indiferente ante a visión destas imaxes tan inusuais e rechamantes polo centro da cidade e a curiosidade empezou a medrar. Agora xa sabemos a resposta. Que facían todos eses seres? Forman parte do novo vídeo promocional de Turismo de Pontevedra para a Feira Internacional de Turismo, Fitur.
Todas as personaxes de fantasía que encheron a cidade son obra de Pablo Méndez, o artista pontevedrés que coas súas performance está a triunfar alá por onde pasa e nos últimos meses conquistou coa súa compañia, Pablo Méndez Perfomances, a Risto Mejide no programa Got Talent.
O vídeo empezou a rodarse este sábado en distintas localizacións do casco histórico e, de momento, non se conocen moitos detalles do seu contido, que se dará a coñecer na súa totalidade nun acto público previsto para principios de maio, días antes da súa presentación en Fitur.
A feira celebrarase entre o 19 e o 23 de maio e, dado que as restricións derivadas da pandemia imposibilitará a realización de actos multitudinarios, Pontevedra centrará a súa promoción nas impactantes imaxes deste vídeo. Está previsto que asistan algúns destes seres fantásticos acompañando á concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.
O vídeo continuará a gravarse nos próximos días, de maneira que non será raro que os pontevedreses poidan ver outra vez estas criaturas extraordinarias pola rúa. De momento, este sábado estiveron na Illa das Esculturas, o Mirador de Monte Porreiro, o Campillo de Santa María, a ponte do Burgo, a Ferrería, os Soportais, Curros Enríquez, a Peregrina, a Leña, a Verdura, Méndez Núñez, o Museo ou San Bartolomé.
As imaxes máis curiosas estiveron na praza de abastos, pois estas criaturas pasearon entre as bancadas do peixe, interactuaron con vendedores de peixe e marisco e mesmo chegaron a coller verduras na man.
Relacionadas:
-
Poseidón pasea a Hidra polas rúa da Boa Vila
Por Oskar Viéitez |
-
Este xoves estarán operativas as 16 novas bancadas adxudicadas no Mercado
Por Redacción |
-
As "caixas brancas" que promocionan Pontevedra xa están listas para Fitur
Por Redacción |
-
Pontevedra regresará a Fitur como cidade vibrante e disposta a acoller o visitante
Por María José Pita |
-
Os escaparates énchense de actividades artísticas co proxecto EscaparArte
Por Mónica Patxot |
-
Pablo Méndez impresiona o xurado de "Got Talent" cun onírico espectáculo
Por Alejandro Espiño |
-
A gastronomía e a arte rupestre, intereses dos asistentes a FITUR sobre Pontevedra
Por Redacción |