Cal é o mellor barrio de Pontevedra? A resposta saberase xogando na rúa
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra convida a pequenos e maiores a ocupar distintos tramos de rúas e prazas da cidade e convertelos nun punto de encontro lúdico -amable, seguro e inclusivo- no que compartir risas e diversión, habilidade e rivalidade ao redor de xogos tradicionais e colaborativos como o peletre, tres en raia, a corda, o pano, a colleita de mazarocas, entre outras.
A Concellería de Promoción da Cidade pon en marcha esta proposta Xogos Na Rúa, enmarcada na estratexia Efecto PO2, baseada na idea de que ocupar o espazo público é a mellor fórmula para demostrar que a calidade urbana, a cohesión social e o desenvolvemento sostible é rendible socialmente, o xeito máis acaído de mellorar o noso presente e construír o futuro.
Nos barrios sinalarase unha zona de encontro con campos marcados e debuxados no chan para que persoas de distintas xeracións poidan compartir xogos, interactuar, crear e estreitar lazos de amizade e comunitarios.
Xogos Na Rúa artellarase nunha primeira fase, este sábado 19 de xuño, en horario de mañá de 11 a 13 horas, nunha xornada lúdica que se desenvolverá en cinco barrios ao tempo co fin de que cada grupo familiar poida medir as súas habilidades (con flexibilidade para cambiar ou incorporar xogadores) nas seguintes "disciplinas": peletre, tres en raia, a corda e o pano. E por enriba de todo medirán a súa capacidade de diversión.
Os barrios escollidos son: O Burgo, tendo como lugar de encontro a ponte do Burgo; Pontevedra Leste, con cita para xogar na Pasarela 12 de Novembro; Campolongo, no paseo detrás da igrexa, entre a praza de Galicia e rúa Alcalde Hevia; O Gorgullón; Monte Porreiro, con luhar de encontro na Rúa Alemaña (á altura do Acuña).
Os nenos e nenas, ata 12 anos, serán os actores principais das citas. Os maiores desta idade serán considerados adultos.
Os equipos máis destacados en cada unha das disciplinas durante a primeira xornada de Xogos Na Rúa Efecto PO2 participarán nunha segunda cita, o domingo 20 de xuño: unha gran final na Praza de España (diante do Concello) un campo neutral onde co nome dos seus barrios por bandeira, farán unha rolda final de xogos da que sairán os gañadores deste peculiar campionato lúdico, interxeracional e comunitario. Nesta final as "disciplinas" serán outras: colleita de mazarocas, argolas no tallo, esquís familiares e, de novo, a corda.
Se anima á veciñanza a participar dun xeito activo e tamén como espectadores. A inscrición para participar é de balde e obrigatoria a través deste enlace.
Os grupos familiares terán como mínimo un neno ou nena menor de 12 anos e unha persoa adulta (nai, pai, avoa, curmán, irmá maior….) aínda que o mínimo recomendable é de tres persoas. Durante o desenvolvemento da actividade pódense cambiar as persoas participantes ou engadir xogadores pero sempre ten que estar na aliñación nenos ou nenas. Estes cambios faranse previa inscrición in situ para garantir o control COVID.
A familia máis destacada en cada unha das zonas recibirá unha medalla e quedará clasificada para a seguinte fase en representación do seu barrio. Todos os participantes menores de 12 anos, non clasificados, recibirán un agasallo de consolación: unha mochila, con libros e pinturas.
Relacionadas:
-
Regresan os Xogos na Rúa para coñecer o mellor barrio de Pontevedra
Por Redacción |
-
O equipo do barrio do Burgo, vencedor na xornada final dos Xogos na rúa Efecto PO2
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A gran final dos Xogos Efecto PO2 entre barrios disputarase o sábado na praza de España
Por Redacción |
-
Corenta familias participan na estrea dos Xogos Efecto PO2
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Os xogos tradicionais da corda, o peletre e o pano ocuparán as rúas de cinco barrios o sábado 19
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |