Portas lembra o 233 aniversario do nacemento de Domingo Fontán cunha ofrenda floral
Por Redacción
Portas lembrou este domingo o 233 aniversario do nacemento dun dos seus veciños máis ilustres, Domingo Fontán. Con motivo da celebración, realizouse unha ofrenda floral no monumento do insigne xeógrafo e matemático de Portas.
A Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán organizou os actos, nos que participaron a presidenta da entidade, Concha Méndez Domínguez; o alcalde, Ricardo Martínez; o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez; a concelleira Ana María Peña; e o ex alcalde Víctor Estévez.
O acto comezou cunha concentración no Museo Domingo Fontán. Acompañada polo grupo de gaitas Domingo Fontán, a comitiva desprazouse ata os xardíns da Praza de Domingo Fontán, onde está ubicada unha estatua na honra do homenaxeado.
Unha vez alí, fixeron unha ofrenda floral e o grupo de gaitas Domingo Fontán de Portas interpretou o himno galego.
O acto na honra do insigne matemático galego do século XIX estivo marcado polas restricións obrigadas pola pandemia da covid-19, de maneira que os asistentes gardaron o distanciamento social e levaban máscaras.