O PP afirma que goberno local converterá a Poio no concello con máis débeda da provincia
Por Oskar Viéitez
O portavoz do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, denunciou este luns en rolda de prensa a intención do goberno local de solicitar un crédito de 2,72 millóns millóns de euros a 17 anos, "que convertería a Poio no concello con máis débeda da provincia e o quinto de toda Galicia".
Os populares sinalaron que o propio informe de Intervención que acompaña ao expediente advirte que este crédito "podería afectar á prestación de servizos públicos básicos" nos próximos anos e situaría a débeda municipal en preto de nove millóns de euros.
Segundo Ángel Moldes, "primeiro subiron os impostos e agora queren hipotecar a toda unha xeración de veciños de Poio, o tripartito so trouxo máis impostos e máis débeda".
O voceiro do PP destaca que o préstamo "non o vai pagar o Tripartito, xa que ten dous anos de carencia", polo que "o pagará o goberno que saia das próximas eleccións, e as seguintes tres corporacións".
"Ou non contan con estar no goberno e lles dá igual os problemas financeiros que teña o Concello de Poio no futuro ou se confirma que temos tres alcaldes, cada un necesita un presuposto propio. Está claro que os veciños de Poio están sufrindo as consecuencias de ter un tripartito", dixo.
A Moldes preocúpanlle os "bandazos e a falta de planificación" do goberno do alcalde Luciano Sobral, xa que "hai dous meses aprobaron un orzamento no que comprometían un préstamo de 565.000 euros que agora se convirte en case tres millóns".
Os populares subliñan que están de acordo coa maioría das obras propostas, pero "entendemos que esta forma de financialas é irresponsable e pon en perigo futuras actuacións e complica o futuro do concello", polo que se comprometen a presentar unha proposta alternativa.