Marín estrea a renovada Rúa Estrada
Por Redacción
A Rúa Estrada xa loce o seu novo aspecto, despois de ser obxecto dunha obra de humanización financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e que supuxo unha inversión de case 360.000 euros, achegado un 70% pola Xunta e un 30% polo goberno local.
Esta rúa, ubicada entre Méndez Núñez e Concepción Arenal, forma parte do centro neurálxico da vila marinense e precisaba dunha mellora no que ten que ver coa mobilidade urbana, xa que conecta a casa consistorial, a Policía Local, varios centros educativos e o Parque Eguren.
Ademais da ampliación das beirarrúas, mellorouse a accesibilidade e o pavimento e, sobre todo, renováronse todos os sistemas de alumeado, abastecemento e saneamento, que son servizos fundamentais que supoñen unha parte importante da obra pero que é preciso renovar para ofrecelos na mellor calidade posible.
Por outra banda, a nivel ornamental, instaláronse unhas xardineiras aportando un acabado estético mellor do que había antes.
A realización deste proxecto de humanización enmárcase no Plan Hurbe, un programa posto en marcha pola Xunta de Galicia en 2010 para axudar á posta en valor das vilas galegas, potenciando infraestruturas, servizos e equipamentos públicos de calidade.